O Psdeg-Psoe de Cartelle impulsa un plan integral de limpeza de fontes e lavadoiros e a posta en valor e restauración da ponte freixo, de orixe romana

Os socialistas conseguiron o apoio unánime en sesión plenaria para levar a cabo ambas actuacións e agardan a que o goberno municipal “actúe de xeito inmediato para rematar co desleixo e o abandono”

Publicidade

O voceiro do PSdeG, Jesús Pereira, subliña que “é hora de rematar co abandono que sofre Cartelle e as nosas xentes” e agarda que o PP “cumpra cunha veciñanza farta da inacción e desidia do alcalde”

O PSdeG-PSOE de Cartelle vén de acadar o apoio unánime do pleno municipal en dúas mocións nas que solicitaba por unha banda, que o Concello tomase a iniciativa para a recuperación, restauración e posta en valor da ponte romana de Freixo e por outra que se recuperase, arranxase e limpase as fontes e lavadoiros dos diferentes núcleos de poboación. Os socialistas amosan a súa “ledicia” pola aprobación de dúas mocións “moi importantes” para a nosa veciñanza e para rematar coa imaxe de “abandono e desleixo” que vive Cartelle da man do Partido Popular.

No relativo as fontes e lavadoiros, os socialistas aproveitaron a sesión plenaria para denuncia o “calamitoso” estado no que se atopan e para esixirlle ao grupo de goberno municipal encabezado polo alcalde, Jaime Sousa, que “tomase cartas no asunto tras anos de inacción” e dar deste xeito unha solución as numerosas reclamacións da veciñanza. Dende o Grupo Municipal Socialista avogaban por un plan integral de limpeza e rematar deste xeito co “abandono” que sofren estes bens patrimoniais municipais, que tal e como relataron “atópanse nunha grave situación e en risco de desaparición por mor da maleza, o paso do tempo e a ausencia de limpeza”.

Pola súa banda, na moción relativa a posta en valor da ponte Freixo, dende o Grupo Municipal Socialista destacaron a importancia dunha moción que pretende recuperar unha das “xoias” arquitectónicas do municipio que tal e como relataron “leva 32 anos sen que se fixera ningunha obra de conservación e restauración”. Os socialistas pedíronlle ao goberno municipal que se puxera en contacto coa Xunta de Galicia para a elaboración dun orzamento que permita darlle un “importante pulo” a unha estrutura de orixe romana encadrada nunha zona natural “única e que merece ser posta en valor para uso e desfrute da veciñanza e dos turistas”.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Cartelle, Jesús Pereira, subliña a “importancia” da aprobación de ambas mocións, xa que segundo relata “é hora de rematar co abandono que sofre Cartelle e as nosas xentes”. O socialistas tamén agarda que o goberno municipal “se poña a traballar canto antes para conseguir pór en valor os bens patrimoniais” e agarda que as mocións “non caian en saco roto” e que o Partido Popular “cumpra dunha vez por todas coa veciñanza, farta xa da desidia e inacción do alcalde e o seu grupo de goberno”.

Para Pereira a situación que vive Cartelle “é insostible” por mor do “pasotismo ao que nos teñen acostumados os gobernos municipais do PP”. O concelleiro socialista tamén apunta que “chegou o tempo de que se decidan e digan claramente se van a traballar polos veciños e veciñas ou van a continuar impasibles ante o paso do tempo e os estragos nos bens patrimoniais municipais”.

Sen novas da Torre de Sande

Os socialistas aproveitaron tamén o pleno para preguntar polos avances con respecto a Torre de Sande, despois de que no mes de marzo fose aprobada por unanimidade unha moción para que esta estrutura pasase ao dominio público e se procedese a súa restauración. “Estamos moi preocupados porque case oito meses despois o goberno municipal non moveu un só dedo, nin realizou ningunha xestión para conseguir avances con respecto a Torre de Sande”, relata Jesús Pereira, que tamén apunta que “todo segue igual, motivo que nos causa un profundo pesar e que nos xera moitas dúbidas sobre cales son as intencións do goberno municipal, se traballar en favor de Cartelle ou seguir mirando para outro lado ante os problemas do noso municipio”.