O PSOE urxe á Xunta a “darlle a volta ás políticas de cohesión” diante do agravamento do desequilibro territorial

IES CHAMOSO LAMAS

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, reclamoulle hoxe á Xunta a que “lle dea a volta ás políticas de cohesión” diante do seu “fracaso estrepitoso” á hora de frear a sangría demográfica do interior de Galicia. Así o dixo na Comisión de Economía do Parlamento, onde presentou unha pregunta oral diante do “panorama desolador” do interior de Galicia.

O responsable socialista alertou da ineficacia das actuacións do goberno galego no interior galego, lastrado pola “falla de oportunidades e ausencia do impulso da administración pública, onde os plans Impulsa Ourense e Impulsa Lugo demostraron que non contribuíron en absoluto á fixación da poboación nin o emprego, así como ao desenvolvemento económico e social”.

OZOCOgz Deseño Galego

Apunta que Galicia ten un total de 28 comarcas do interior que nos últimos 12 anos de goberno de Feijóo perderon o 15 por cento da súa poboación, e que nos vindeiros 15 anos perderán outro 20 por cento, de acordo coas previsións do Instituto Galego de Estatística. Sinalou o interior de Ourense, dixo, por canto Terra de Caldelas perdeu o 34,8 por cento da poboación, Terra de Trives o 29,3, Baixa Limia o 23,8, O Ribeiro o 22,4, A Limia 21,7 e Viana o 17,8.

Emprazou ao goberno galego a aproveitar os fondos europeos, que suporán unha inxección de 3.150 millóns de euros para Galicia nos próximos anos, dirixidos a garantir a cohesión económica e social. Emprazou a “cambiar o modelo” para primar “outra concepción do desenvolvemento económico e social duns territorios que van marcha atrás nestas comarcas envellecidas”.

Reclamou cambios legais para garantir que “non se poida pechar ningún servizo público nestes territorios” e apostou por “lexislar para que a cidadanía viva con dignidade onde nace, onde ten as súas raíces, e que poida desenvolver o seu proxecto vital cun mínimo de dignidade”.