A Deputación compromete o seu apoio á reforma dos campos de fútbol de Cartelle e Outomuro

Ambos os dous proxectos, nos que colaborará o propio Concello de Cartelle e se procurará o apoio da Xunta, executaranse en cinco anualidades e incluirán, como obras máis destacadas, a instalación de herba artificial e iluminación 

A Deputación de Ourense contribuirá á reforma integral dos campos de fútbol de Cartelle e Outomuro, nun proxecto no que ademais da colaboración do Concello de Cartelle tamén se buscará a implicación da Xunta de Galicia. Unha iniciativa “coa que imos poñer a disposición dos deportistas e afeccionados unhas modernas instalacións para un municipio cunha gran tradición no mundo do fútbol”, declarou o presidente provincial, Manuel Baltar, logo do encontro que no Pazo Provincial mantivo co alcalde de Cartelle, Jaime Sousa. O rexedor, que agradeceu a contribución da Deputación, remarcou “o enorme arraigo que este deporte ten entre a nosa veciñanza e con equipos cuxa historia se remonta a mediados do pasado século”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A reforma dos campos de fútbol de Cartelle e Outomuro será un proxecto a executar en cinco anualidades e incluirá, como obras máis destacadas, a instalación de herba artificial e iluminación. A necesidade de acometer estes traballos ven dado polo forte peso que o fútbol ten no municipio, cun club como o Outomuro que xa alcanzou os 50 anos de historia, e o Cartelle que milita na 1ª Rexional e leva en activo 3 anos. Ademais, no concello tamén hai outros dous equipos: o Sande, no que Deputación de Ourense xa executou obras de mellora como a dotación dunha grada cuberta, e o Muntián-As Maravillas, así como un equipo de fútbol sala feminino federado, modalidade que tivo un particular  protagonismo a principios de setembro coa celebración no concello do primeiro torneo internacional.