O Museo da Limia, o premio Pedra Alta e Limisi

Xosé Carlos Sierra

Membro do Consello Asesor do Museo da Limia

AVANTAR ACTIVIDADES

O pai da museoloxía contemporánea, George H. Rivière, reinvindicaba para os museos ser espellos da sociedade na que procuran decote botar fondas e duradeiras raíces. Sociedade e territorio son dous vectores fundamentais para comprender a misión do museo e os museos comarcais, que nacen e medran para dar testemuño da vida que se produce e reproduce na súa contorna son, ao tempo, observadores privilexiados do labor, das inquedanzas, das preguntas e das respostas que  experimentan as xentes que se senten reflectidas nese foro cultural que é –pode e debe ser– un museo.

O museo non se esquece, nin pode facelo, dos visitantes, das persoas que se achegan a súa sede na procura de lecer ou de coñecemento. Pero un museo, e moi especialmente un museo local ou comarcal, o que non pode esquecer é que o seu labor, a súa atención, a súa curiosidade e a súa teimosía deben reparar nos veciños, nos lugares, nos comportamentos, nas paisaxes, nas accións, nas relacións e nos vínculos que se tecen e retecen na vida comunitaria.

Estes museos etiquetados como etnográficos reflicten a vida cotiá da xente que fai territorio, recuperan as memorias que informan a identidade das aldeas, das parroquias e das vilas, decátanse do que foi e aventúranse no que vai sendo e no que pode ser. O patrimonio que acollen, manteñen, crean e recrean este museos vai constituído por cousas con significado e vai encadrado en cousas con sentido. E se dicimos sentido, falamos daquelo que resulta de interese, pero tamén de importancia, para os distintos grupos de persoas que se identifican co territorio, cos seus problemas e coas súas esperanzas.

O sinalado afecta a todo “museo” como institución cultural, independentemente do seu apelativo, pero afecta singularmente aos museos de sociedade, entre os que se encontran os etnográficos e antropolóxicos. Porque os museos deste perfil, de xeito particular os que agroman en comarcas con singularidades xeográficas e socioculturais ben definidas, non só poden (e deben) recibir, manter e proxectar os herdos recibidos (os patrimonios xa feitos), senón que teñen o compromiso adicional de crear, de producir e de activar novos patrimonios e de asumir, acompañar e difundir as outras identidades que abrollan nos diferentes colectivos –rurais e urbanos- existentes nunha comarca.

Novos oficios, novas industrias, novas artesanías –sen abeirar o que fica vivo aínda do vello– e, por suposto, a súa memoria, novas iniciativas, novas estratexías e novos comportamentos precisan de portas e fiestras abertas no Museo.

O Museo da Limia é sabedor de todo isto e asume os desafíos conseguintes para abrir o seu horizonte cultural á complexidade da sociedade de hoxe e tamén observa as eivas que camiñan asociadas ó presente e ó porvir. O premio Pedra Alta lembra un fito no horizonte, signo dos tempos idos e mirador dos tempos chegados, e conleva o simbolismo de que un fito é un linde e tamén un tránsito. Desta maneira entendeuse que unha entidade da sociedade civil como LIMISI representa esa visión que enguedella o social co cultural, pois as persoas coas que traballa LIMISI comparten a identidade Limiá coas propias da súa diversidade como individualidades e como colectivos. Os museos son espazos de comunicación e o que LIMISI fai é tamén un labor de integración e de comunicación entre os que se beneficián do seu traballo. A comunicación é un acto cultural que produce valores patrimoniais. Da mesma maneira o CDR O Viso, de Lodoselo, –premiado na edición anterior– desenvolve noutro ámbito unha actividade que encaixa nesta visión que o Museo da Limia asume e recoñece.

Na presente edición do Premio Pedra Alta, o Museo da Limia apreciou semellantes valores e observou significados sociais e culturais afíns na entidade LIMISI, mostra exemplar do bo facer da sociedade civil na nosa comarca.