A Ceo acolleu 3 eventos eminentemente tecnolóxicos dentro da MobileWeekOUrense

Cesga e CEO colaboraron para desenvolver esta xornada dentro dos actos da MobileWeekOurense

Este luns a CEO acolleu 3 eventos eminentemente tecnolóxicos dentro da MobileWeekOUrense: capacitación dixital básica, ciberseguridad e supercomputación para pemes. Neste último, a Confederación contou coas achegas do director xerente do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia), Mauro Fernández, e de Laura Martínez, técnica superior do proxecto EuroCC, unha iniciativa que ten como obxectivo a creación dun Centro Nacional de Competencia que sexa capaz de proporcionar unha ampla carteira de servizos de Supercomputación, Big Data e Intelixencia Artificial adaptados ás necesidades respectivas da industria, especialmente a pemes, o mundo académico e a administración pública en España.

AVANTAR ACTIVIDADES

Marisol Novoa, presidenta da CEO, e Mauro Fernández, presentaron a xornada. Novoa destacou a importancia de manterse actualizados e ao día nos avances tecnolóxicos e a súa aplicación ao tecido empresarial pois ‘asistimos a unha transformación dixital que está a cambiar toda a nosa contorna, e na que podemos ser testemuñas, protagonistas, espectadores ou axentes activos, dependendo da situación ou factores persoais, pero que, dunha ou outra maneira, afecta a toda a poboación e non nos deixa indiferentes’.

Pola súa banda, Mauro Fernández, destacou que o Cesga ‘é unha fundación pública sen ánimo de lucro que hoxe en día é o segundo centro a nivel nacional tanto por equipamento como por recursos, e está ao servizo de pequenas e medianas empresas’.

Tras unha breve introdución sobre supercomputación ( HPC, polas súas siglas en inglés), Laura Martínez destacou as vantaxes e algúns casos de aplicación desta ferramenta para a innovación e a competitividade, ademais do seu papel e importancia no contexto actual de transformación dixital.

Nos seus case 30 anos de actividade, o Cesga, organismo dependente da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, sempre apostou pola colaboración con empresas, identificando as barreiras que aínda persisten no acceso e uso de recursos de supercomputación. O contexto actual, cunha estratexia europea que aposta pola dixitalización e con grandes investimentos garantidos ata 2027, apoia varias iniciativas destinadas a que as empresas, especialmente as pemes, aproveiten a utilización dos devanditos recursos. Unha destas iniciativas é o proxecto EuroCC, no que o Centro de Supercomputación participa, cuxo obxectivo é o establecemento dun centro nacional de competencias en supercomputación ( HPC), análise de datos ( HPDA) e intelixencia artificial ( IA).

Nel estanse desenvolvendo varias actividades de interese para empresas, como o desenvolvemento de material formativo, unha enquisa para a identificación de necesidades no sector empresarial español, ou o acceso a recursos de supercomputación e asesoramento experto personalizado sen custo. Neste sentido, a convocatoria aberta EuroCC Spain testbed permite a realización de actividades de I+D+i, tales como probas de concepto, ensaios de escalabilidade, avaliación de aplicacións informáticas ou proxectos piloto. Son oportunidades de acceso para pemes a potentes infraestruturas de supercomputación para a realización de pilotos ou probas de concepto.

A información sobre esta convocatoria pódese ver na ligazón https://www.cesga.es/convocatoria- eurocc-para-empresa-e-administracións/

Na súa intervención, a relatora constatou como a supercomputación supón unha potente ferramenta para o desenvolvemento de novos produtos e para a optimización de procesos. Falou tamén de proxectos de supercomputación e propiedade intelectual e as medidas de confidencialidade e protección.