A Xunta segue 12 meses despois sen concretar as obras da rotonda prevista na OU-540 ao seu paso por Barbadás

Nunha recente resposta da Axencia Galega de Infraestruturas a preguntas dos nacionalistas no Pazo do Hórreo, o Executivo galego segue sen concretar o proxecto e a execución das obras nesta vía e a súa conexión coa A-52

Hai uns meses tanto o Grupo Municipal do BNG en Barbadás como o Grupo Parlamentar no Parlamento galego, presentou diversas iniciativas sobre a situación na que se atopa a estrada OU-540, no punto quilométrico 4,2 sito no Concello de Barbadás.

AVANTAR ACTIVIDADES

A circulación no referido punto vese provisoriamente modificada, establecéndose unha reordenación do tránsito mediante balizas e marcas viarias para substituír a intersección en “T” por unha rotonda que permitise a incorporación ao vial de acceso á A-52.

Lembran no BNG, concretamente o portavoz no Concello de Barbadás Sarín Núñez  “que xa no pasado mes de maio a Xunta de Galiza indicaba que a Axencia Galega de Infraestruturas estaba a redactar un proxecto de mellora da seguridade viaria neste punto”. Segundo Núñez “o certo é que transcorridos máis de 6 meses, non consta avance algún na situación de provisionalidade advertida no seu día, non existindo signo algún que permita albiscar a reforma do vial ou a finalización da situación de transitoriedade”.

O pasado 30 de decembro e ante a insistencia do BNG tanto no Concello de Barbadás, onde ata en dúas ocasións e a través de senllas mocións se tratou a cuestión en pleno, como no Parlamento galego, a AXI voltou respostar que estase “á espera de poder realizar unha actuación definitiva e de maior amplitude”, ao que engaden, “esta actuación levarase a cabo a través do proxecto de Mellora de Seguridade Viaria que na data de hoxe, continúa coa tramitación deste proxecto”.

Para Sarín Núñez “non é de recibo que transcorrido máis dun ano aínda non estea redactado o proxecto de rotonda polo que temen que a situación de provisionalidade na zona, co risco que iso conleva para a seguridade do tráfico, vai continuar por tempo indefinido”.

Ao mesmo tempo, afirma que “seguiremos insistindo tanto desde o Concello de Barbadás como desde o Parlamento en que se axilicen canto antes os traballos”.