O Partido Popular de Ourense conmemorou esta mañá o Día Internacional da Muller cun acto celebrado na rúa do Paseo da capital, ao carón da escultura da Leiteira, e organizado polo Observatorio da Igualdade, recen constituído a iniciativa da vicesecretaría de Igualdade que dirixe María Antonia Rilo.
Entre as mensaxes do día, o vicepresidente do PP ourensán, Rosendo Fernández, reclamou “asegurar o benestar integral de todas as mulleres e avanzar noutras políticas de cohesión social e dinamización demográfica, a través de medidas favorecedoras da plena igualdade e con perspectiva de xénero como reto irrenunciable”.
Fernández avogou por un “compromiso rotundo dos partidos políticos, sindicatos, administracións, institucións e asociacións en xeral para contribuír a unha mellor calidade de vida das mulleres galegas, facendo fincapé na atención das mulleres maiores, con discapacidade, inmigrantes ou con problemas de saúde prevalentes, como aqueles asociados aos dereitos relacionados coa saúde sexual e reprodutiva e coa maternidade”.
En nome das mulleres do Partido Popular, Jackeline Fernández, Eugenia Díaz e Diana Sulleiro pediron “manter ou superar o nivel de representación feminino con actuacións que teñan como eixo fundamental a mesma premisa: convivir en igualdade para un futuro sostible”, ademais de amosar toda a solidariedade coas mulleres que viven a terrible guerra de Ucraína. Precisamente o acto rematou cun minuto de silencio en memoria das vítimas.