O Festival Harmatán acercará a Ourense creacións artísticas contemporáneas de África

-10.00 horas: Presentación do Festival Nómada de Cultura Africana Harmatán 2022.- O vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, participará na presentación do Festival Nómada de Cultura Africana Harmatán 2022. No acto tamén intervirán o coordinador do proxecto, Alejandro Santos, o comisario do proxecto, Hassane K. Kouvaté -de xeito telemático- e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón. Lugar: Teatro Principal de Ourense. O acto poderase seguir en directo a través da web da Deputación de Ourense.

O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández,  resaltou na presentación que este festival “permite reconciliarnos co mellor que ten o ser humano: o intercambio cultural”

O evento, que se celebrará en Ourense entre o día 24 e o 27 de maio, busca amosar unha “nova forma de aproximarse a un continente multicultural e moderno a través das súas expresións artísticas”, segundo o comisario do proxecto, Hassane K. Kouvaté

AVANTAR ACTIVIDADES

O Teatro Principal acolleu esta mañá a presentación do Festival Nómada de Cultura Africana Harmatán 2022, que estará en Ourense entre o día 24 e o 27 de maio co apoio da Deputación. Na presentación estivo o vicepresidente segundo da institución provincial, César Fernández; o coordinador do proxecto, Alejandro Santos; o comisario artístico do proxecto, Hassane K. Kouvaté -de xeito telemático- e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Este festival permite, segundo sinalou César Fernández, “abrir o prisma da multiculturalidade e reconciliarnos co mellor que ten o ser humano, sobre todo nestes momentos no que aparece na cultura occidental o etnocentrismo”. Harmatán permite pois, segundo o vicepresidente provincial,  “achegarnos a outras culturas, eliminando a visión doutras culturas dende a perspectiva occidental, o cal, ademais de enriquecedor é educativo”.

A programación destaca, segundo Fernández, non soamente polas actuacións artísticas -que inclúen espectáculos de tres nacións diferentes: Burkina Faso, Malí e Senegal- senón tamén polo debate que pechará o festival, o 27 de maio, xa que o tema deste debate “mostra a potencialidade da xuventude para transformar a sociedade, algo fundamental e que non debemos perder de vista”. 

Hassane K. Kouvaté, comisario artístico do festival e que participará no mencionado debate, explicou que o festival está pensado coma un “punto de encontro”, buscando “a ruptura das barreiras e fronteiras psicolóxicas e morais existentes”. Para lograr este propósito, baseándose no folclore tradicional, os artistas que participarán neste festival “mostrarán a creación artística contemporánea, dando unha imaxe da África moderna, da África en acción”. 

Alejandro Santos afirmou durante o encontro coa prensa desta mañá que a programación do festival segue a filosofía de Felwine Sarr, escritor, músico e académico senegalés, que é “un home fundamental no debate sobre o patrimonio en todo o mundo. Deixemos de ver a África como un continente pobre e sen esperanza xa que hai numerosas iniciativas que están cambiando as cousas pouco a pouco”. 

No Teatro Principal de Ourense, onde se desenrolarán todas as actividades culturais programadas na cidade, “Africa adoitará un papel protagonista. En Harmatán, os artistas falarán de África por si mesmos, sen necesidade de intermediarios”, sinalou Olga Mojón. 

“Un corredor cultural”, entre o 24 e o 27 de maio

O festival, que comezará o martes 24 e rematará o venres 27 de maio, desenvolverase entre as cidades de Albacete, Móstoles e Ourense, formando “un corredor cultural” en palabras da directora do Teatro Principal. 

Entre as actividades programadas inclúese unha actuación de danza a cargo de Seydou Boro (24 de maio, 20,00 horas); unha interpretación musical de Djely Tapa, presentando “Barokan” (25 de maio, 20,00 horas); a obra de teatro “Traces”, de Felwine Sarr (26 de maio, 20,00 horas) e unha mesa redonda con Smockey -artista de hip hop e artífice do movemento cidadán “Le Balai Citoyen“- acompañado por Hassane K. Kouyaté, quenes tratarán o papel da xuventude africana na protesta artística e como esta pode producir un cambio político. Será o venres 27 de maio, as 19,00 horas.