O PsdeG insta á deputación provincial de Ourense a instalación dun sistema de rego na Veronza en Ribadavia para seguir mellorando esta gran área fluvial

Os socialistas salientan que esta área fluvial se atopa en óptimas condicións e esta a recibir un mantemento correcto, pero precisa da instalación dun sistema de rego que “mellore” as condicións no verán

O deputado provincial no Ribeiro, Nacho Gómez, sinala que “estamos ledos porque a Deputación instale mesas e bancos, tal e como lle reclamamos, pero creemos nun proxecto máis ambicioso para a zona”

AVANTAR ACTIVIDADES

O PSdeG-PSOE solicita á Deputación Provincial de Ourense que proceda a instalación dun sistema de rego na área fluvial da Veronza, en Ribadavia. Os socialistas salientan que esta área fluvial se atopa en óptimas condicións e esta a recibir un mantemento correcto, pero precisa da instalación dun sistema de rego que “mellore” as condicións para que non presente un “mal aspecto” coa chegada do verán e as altas temperaturas.

O deputado do PSdeG-PSOE de Ourense na comarca do Ribeiro, Nacho Gómez Pérez, destaca que na área fluvial, “xa existe un pozo artesán” que segundo apunta “podería empregarse perfectamente para regar a área fluvial, xa que no seu día reforzouse e acondicionouse para elo e xa mantivemos conversas oportunas coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil”. Ante esta situación, o deputado provincial socialista considera que “este sería un proxecto factible, xa que se empregaría a auga deste pozo, en lugar de malgastar auga potable, o que serviría para potenciar tamén esta área fluvial”.

Gómez Pérez sinala que a área “atópase moi ben coidada, pero ante a ausencia dun sistema de rego, nos meses de verán empeora o seu estado, debido as altas temperaturas e a falta de auga”. Neste senso, o deputado provincial socialista afirma que “estamos ledos porque a Deputación instale 7 mesas e bancos de pedra, tal e como lle reclamamos, pero creemos nun proxecto máis ambicioso para a Veronza, e todo pasa pola instalación dun sistema de rego aproveitando o pozo artesán”.

Neste senso, Nacho Gómez tamén sinala que “é surrealista que se veñan a vender uns bancos, que o goberno municipal solicitou no seu momento”, motivo polo que lle lembra o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, que “ten a oportunidade de vir a facer a foto cun sistema de rego moi necesario, polo que agardamos que así sexa e que lle outorgue a Ribadavia esta mellora, en lugar de colgarse medallas nos xornais”. Tamén apunta que “o máis importante é Ribadavia e que a Veronza conte cunhas condicións óptimas”.

Os socialistas consideran que a gran praia fluvial de Ribadavia “debe ter un proxecto de renovación e mantemento a altura das circunstancias”. Neste senso afirman que “apostar pola Veronza, non é colocar 7 mesas de pedra cos seus respectivos bancos, e mellorar os sistemas de rego, e darlle un pulo a zona e crer nas súas posibilidades e mellorar a calidade dunha zona de ocio empregada por milleiros de persoas cada ano”.

Para o PSdeG-PSOE a situación “é preocupante”, xa que tal e como apuntan “achégase a temporada de verán, con temperaturas moi altas e nas que a veciñanza e os turistas acoden en masa a esta zona para refrescarse e desfrutar do seu tempo de ocio e corremos o risco de que se atopen unha zona con problemas de sequía ante a falta dun sistema de rego do século XXI”.

Nacho Gómez Pérez tamén apunta a que os socialistas “seguiremos a loitar porque a Veronza, e moitos outros puntos da provincia e da comarca, teñan unhas condicións dignas e que o goberno provincial aposte por investimentos reais e non por facer propaganda barata coa instalación de 4 bancos e 5 mesas”.