O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá un obradoiro de pintura polo Día Internacional dos Museos

O obradoiro, que se celebrará o 18 de maio entre as 18 e as 21,00 horas, estará coordinado polo pintor e gravador ourensán Xosé Poldras

Neste obradoiro, no que non é preciso ter ningún coñecemento previo sobre pintura, as persoas participantes poderán elaborar unha peza pictórica casual ou xestual utilizando trucos con pintura acrílica

AVANTAR ACTIVIDADES

Os participantes compartirán espazo ca exposición “O amante do papel”, que recolle traballos de artistas como Picasso ou Rembrandt

O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense celebrará o Día Internacional dos Museos o vindeiro 18 de maio ás 18,00 horas, cun obradoiro de pintura casual coordinado polo pintor e gravador ourensán Xosé Poldras, autor de múltiples obras expostas na Biblioteca Nacional de España; Museo de Arte de Nuestra América, A Habana, Cuba e o  museo Majdanek, en Polonia, entre moitos outros lugares.

Neste obradoiro, no que non é preciso ter ningún coñecemento previo sobre pintura, as persoas participantes poderán elaborar unha peza pictórica casual ou xestual utilizando trucos con pintura acrílica que o monitor mostrará durante o obradoiro. Durante a xornada, de tres horas, os participantes, ademais de poder preguntar as súas dúbidas o monitor, poderán levar á súa obra como recordo da xornada.

O centro cultural aportará os materiais precisos e o artista coordinará e guiará aos asistentes no seu proceso creativo, nunha xornada que o Marcos Valcárcel recupera a “pintura en directo” que xa ten ofrecido noutras ocasións e converténdose así non soamente nun lugar onde contemplar a arte, se non tamén nun punto de produción artística, dunha xornada especialmente sinalada para todos os museos do mundo.

Cabe sinalar que esta actividade terá lugar no mesmo espazo ca exposición “O amante do papel”, que recolle traballos de artistas como Picasso, Rembrandt, Durero, Dalí ou Marc Chagall, entre outros, permitindo que os asistentes poidan contemplar as obras dos grandes artistas mentres realizan as súas creacións. Durante a xornada, tamén poderá visitarse a exposición sobre os Beatles, facendo de este espazo un punto de encontro das artes tanto musicais coma visuais.