O Péndulo, de Inversa Teatro, mellor espectáculo do FETEGA 2022. O Festival cedeu parte da recadación ao colectivo ASPADISI.

O Festival do Teatro Galego fixo público hoxe martes o Premio ao mellor espectáculo
“Dorotea Bárcena 2022”, outorgado polo público que asistiu a semana pasada ao festival
no Carballiño. O Péndulo é unha obra de teatro-documento que nos amosa como se
desenvolveu a sublevación militar do 1936 e o inicio da Guerra Civil en Galicia.


No acto desvelouse o premio Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo deste ano,
outorgado polo público entre todas as obras participantes, e fíxose un balance cuantitativo e cualitativo desta 33.ª edición.

AVANTAR ACTIVIDADES


Diego Fernández, concelleiro de cultura, agradeceu a presenza dos medios, destacou a
programación de calidade, nun evento por fin en liberdade, sen restricións sanitarias.


Carlos Ledo, director do festival expresou con orgullo de carballiñés “quero facer entrega
da porcentaxe da recadación cara ASPADISI, poñendo fincapé na visibilidade necesaria
destes colectivos. Manuel Amil recolleu o premio”.

Fixo un chamamento a todos os carballiñeses a participar da cultura do Carballiño. Destacou a labor honesta do festival, que conta co apoio de moitas persoas, a “familia FETEGA” que son os voluntarios, “FETEGA fai un teatro variado, e fixo un repaso a todo o que aconteceu nestes intensos catro días de festival: foi un evento atrevido, no que rimos e cantamos, e tamén choramos.”


Finalizou agradecendo ás tres institucións que apoian o evento “A cultura pide cartos para
desfrute desta polo público, non para si. Temos a sorte de contar co apoio do concello,
da deputación e da dirección xeral de Turismo”.


Francisco Fumega, o alcalde entregou o premio ao mellor espectáculo, que acadou unha
puntuación sobre 10 de sobresaínte alto na media ponderada por encima de 9. Fixo
fincapé no traballo desta obra e lembrou o último alcalde republicano do Carballiño.
Lembrou a miseria da posguerra e o baleiro da sociedade. Felicitou Inversa Teatro por
conservar a memoria histórica e ao festival por ter programado esta obra. De grazas
igualmente a todo o voluntariado.

Marta Pérez, directora de Inversa teatro, agradeceu ao director do festival, ao concello e
á súa familia que conta a historia real dos catro funcionarios da Cañiza fusilados, un deles o seu bisavó. O péndulo pretende darlle voz ao relato dos vencidos e darlle a dignidade que merecen, causa aínda aberta na Arxentina.

Reivindicar este tipo de feitos, non só a nivel político e dedicou o premio á súa avoa Pepa, que morreu chamando polo pai. Tamén ao seu pai, Tirso, presente no acto. Agradeceu a todo o equipo técnico e artístico, así como aos coprodutores.


SINOPSE
Unha das singularidades da obra é que este achegamento á nosa historia colectiva faise
desde o persoal. Marta Pérez, codramaturga e actriz, trasládanos a experiencia do seu
bisavó, Tirso Gómez Freijido, membro do Partido Socialista, republicano e presidente da
Casa do Pobo da Cañiza que foi apresado e fusilado no ano 1936 no Castro de Vigo, xunto cos seus camaradas Justo Moure, Jesús Pérez e Antonio Mojón. Outro veciño da
localidade, Benjamín Malvar, apareceu asasinado nunha gabia nun alto de Ponteareas.


Xunto con eles foi apresada tamén María Gómez, alcaldesa da Cañiza e única muller que
exerceu ese cargo en Galicia durante a Segunda República. María conseguiu salvarse do
fusilamento no último momento alegando un falso embarazo. Foi condenada a cadea
perpetua e rematou vivindo en Lugo coa anarquista Urania Mella.


FICCIÓN E REALIDADE
En escena conviven ficción e a realidade. Aínda que todo que se conta é real. Marta Pérez
interprétase a si mesma no proceso de investigación do que en verdade aconteceu co
seu bisavó e co resto dos represaliados. Sobre as táboas revísase o ocorrido a partir de
documentos e testemuños reais

Nerea Brey e Rosa Puga Dávila encárganse da recreación de feitos históricos e da interpretación de personaxes como a alcaldesa María Gómez, Pura Martínez Garrido (filla do alcalde Martínez Garrido), Urania Mella, Fina Mojón (irmán dun dos fusilados que aínda está viva), veciñas, tías e mesmo a avoa e a visaboa da dramaturga.


O ROL DAS MULLERES EN ESCENA
A decisión de contar cun elenco integramente feminino responde ao feito de que a través
das mulleres da súa familia é como Marta puido acceder ao seu pasado. É por isto que
son as mulleres as que narran todo o que acontece.
Este punto de vista que Inversa presenta sobre as táboas ten que ver coa propia filosofía
da Compañía, que xa desde o seus inicios no 2009 tivo unha intención deliberadamente
feminista.


DOCUMENTACIÓN
Para a creación desta peza, desenvolveuse un proceso de investigación no que se
recompilou documentación en diferentes formatos: escritos, fotografías e audios –
seleccionados do proxecto ‘Nomes e Voces’ da Facultade de Historia de Santiago de
Compostela- que recollen testemuños sobre a Guerra Civil e a represión franquista en
Galicia. Entre estes documentos escritos atópanse as cartas que os presos enviaban ás súas familias desde o cárcere.
Tamén se conta con material da causa 432/36 extraído do Arquivo Militar de Ferrol, como
as sentenzas de morte, a transcrición do xuízo, os interrogatorios ou os escritos do fiscal.
Apórtase ademais outra documentación como as altas no Partido Socialista, xornais da
época e fotos de diferentes arquivos fotográficos tanto familiares como da colección
Bacelar de A Cañiza.


CONVITE A REFLEXIÓN
‘O Péndulo’ pretende facer xustiza e denunciar o fascismo sen caer no panfletario. A peza
pretende convidar ó publico a reflexionar e a confrontar as diferentes perspectivas, para
que despois articule as súas propias conclusións.
O obxectivo primeiro desta proposta, confesa Marta Pérez, é amosar un silencio que se
ven perpetuando dende moitas xeracións. “Creo que por fin esta xeración xa está
preparada para falar disto. E só falando poderemos sanar o presente e procurar un futuro
no que non se repitan os mesmos erros”, comenta.
‘O Péndulo’ baséase na historia da familia de Marta Pérez, pero é tamén a historia de
moitísimas familias de Galicia. “É importante non esquecer que a memoria non só é
coñecemento, que tamén é identidade. Poder expoñer isto enriba dun escenario é sacar
un tapón de silencio”, engade a actriz e coautora da obra.


A PRODUCIÓN
‘O Péndulo’ é unha produción de Inversa Teatro en coprodución co Centro Dramático
Galego, a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) e a Area da Memoria
Histórica da Deputación de Pontevedra. Colaboran o concello de Negreira e o concello
de Vigo.
A obra estreouse no Auditorio Municipal o venres 4 de marzo deste ano e xa percorreu
varios escenarios galegos. Despois de pasar pola MIT de Ribadavia en xullo, agora retoma na Cañiza as seguintes datas e cidades para este outono: FETEGA de Carballiño, Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Teatro Principal de Pontevedra, Auditorio Gustavo Freire de Lugo e Gabriel García Márquez de Oleiros.


O LIBRO
A obra -que xa vai pola súa segunda edición- está publicada por Edicións Positivas dentro
da colección de literatura dramática DiTeatro. Nesta edición incluiranse algúns dos
documentos orixinais que as actrices manexan no espectáculo e que conforman parte da
narrativa do mesmo.

MONTAXE
Texto: Marta Pérez e Ernesto Is
Dirección, espazo escénico e iluminación: Carlos Álvarez-Ossorio
Interpretación: Nerea Brey, Marta Pérez e Rosa Puga Davila
Construción Escenografía: Juan Bas
Espazo sonoro e vídeo: Jesús Andrés Tejada
Deseño gráfico: Marieta R.
Fotografía: Arquivo Bacelar -A Cañiza
Produción: Marta Pérez


INVERSA TEATRO
INVERSA Teatro é unha compañía unipersoal dirixida e xestionada por Marta Pérez desde
o ano 2009.
Para cada obra, INVERSA conta con diferentes profesionais que realizan diversos traballos
dentro dela co modus operandi da creación colectiva ou semicolectiva. Traballos como
o de autoría ou coautoría, dirección ou codirección, interpretación, etc…, sempre baixo
a ollada e a produción da fundadora.
INVERSA Teatro aposta por un teatro contemporáneo e de experimentación onde poder
levar a cabo textos de dramaturgos e dramaturgas galegas contemporáneas.
Un dos puntos clave para INVERSA Teatro é a súa intención feminista e a súa aposta
filosófica. Non é casual que todas as súas obras cuestionen o papel da muller na sociedade non que manteñan un discurso crítico coas estruturas sociais e políticas do sistema.
INVERSA Teatro ten viaxado e asistido a diferentes festivais en Brasil, Colombia, México,
Venezuela, EE. UU. e Portugal e producido os seguintes espectáculos: Paper Dolls, Expostas, Kamouraska, Té con Kant, Fémina Sapiens, Sofía e as Postsocráticas e Sofía (unipersoal).
Nesta 33.ª edición, o Premio de honra, entregado o pasado venres 9, foi para Eduardo
Rodríguez Cunha “Tatán”, pola súa ampla traxectoria de 39 anos nos que comezou como
marionetista e se converteu nun referente do teatro de obxectos en Galiza, fundador, entre outras de Tanxarina Teatro en 1983 (ver biografía e cv abaixo)