Desde FRUGA denuncian a dupla discriminación que sufre o sector bovino Galego

IES CHAMOSO LAMAS

. Dende a Federación Rural Fruga, queremos denunciar a actitude
do deputado no Parlamento Galego José Antonio Armada do Partido Popular, en relación co decreto que regula as axudas urxentes no marco do plan nacional de resposta as consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucrania, concretamente o decreto 428/22.
Este señor manifesta en sede parlamentaria, que a Xunta de Galiza non podía complementar esta liña de subvencións, argumentando que o propio decreto impedía o co-financiamento destas axudas por parte das Comunidades Autónomas, algo totalmente falso tal como se pode comprobar na disposición adicional decimo-terceira de compatibilidade de axudas. Na cal di textualmente que calquera comunidade autónoma pode complementar estas axudas co único fin de favorecer os intereses das explotacións de vacún de carne.
Esta actitude amosa unha vez mais, o nulo interese do Partido Popular polo sector de bovino de carne galego. Cando estamos a falar dun sector, que é a principal actividade económica en
moitas comarcas do país, tendo en conta ademais que a dia de hoxe, perto de 8000 explotacións de vacún de carne están baixo a IXP “Ternera Gallega”. Estas ganderías están a contribuír de forma decisiva a que moitos do concellos do país non queden desérticos, aplicando un modelo produtivo sustentable, que favorece a non proliferación de incendios forestais, tan dramáticos como os vividos neste último ano no noso país, e sobre todo nas comarcas de montaña onde se asentan moitas explotacións de bovino de carne.
Desde o Goberno galego, non soamente non se complementaron as axudas, senón que ao mesmo tempo non se corrixiron as lagoas que presentaba este Real Decreto, que impide que os xatos cebados nas explotacións galegas puidesen acceder a unha axuda a maiores, caso dos
animais comercializados baixo o selo de “Ternera Gallega”.
FRUGA exixe-lle á Consellería do Medio Rural un trato favorábel para con este sector,
castigado pola suba dos custes de produción. Non é de recibo que se minta en sede
parlamentaria, cando o que tiñan que facer era xestionar recursos para poder obter unhas axudas dignas. Ao mesmo tempo exiximos-lle unha rectificación a este parlamentario, xa que os gandeiros galegos de bovino de carne deben saber toda a verdade, e o goberno galego ten que adicarse a favorecer a produción de carne de calidade en Galiza, e non soamente limitarse a actos propagandísticos.
Tamén queremos denunciar a dupla discriminación que sufre este sector produtivo, xa que por unha parte o Goberno Español destina-nos unhas axudas inferiores ás que reciben outros
sectores e por outra o Goberno Galego nega-se, baixo falsas escusas de mal pagador, a desfacer esta discriminación á que nos somete o goberno español