O grupo socialista reclama “unha verdadeira política de mobilidade de terras e que os investimentos en aldeas modelo sexan para a loita contra o abandono”

O portavoz de Agricultura e Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle hoxe á Xunta “unha verdadeira política de mobilidade de terras e investimentos en aldeas modelo ben planificadas na loita contra o abandono”. O responsable socialista presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento para reclamarlle que “tiren miles de euros ao lixo” para proxectos “arbitrarios e sen planificar”.

Martín Seco aludiu ao proxecto da primeira aldea modelo de Galicia, en Osmo -Cenlle-, da que a día de hoxe só hai “3 cochos e unha burra” como consecuencia “dunha actuación arbitraria e sen planificar que se demostrou como un mero anuncio publicitario”. Daquel proxecto de produción agraria, dixo, “non queda nada” máis que o resto dun proxecto fracasado que deixou “un furado nas contas municipais”.

No ano 2019, lembrou, o goberno galego seguiu o exemplo do “baltarismo ourensán” facendo unha adxudicación “a dedo” facturando por un lado 38.000 euros de execución e polo outro 11.600 en materiais para facer un contrato menor e adxudicalo de forma directa, que “non pode exceder dos 40.000 euros”.

PUBLICIDADE ELECTORAL

No mesmo concello, en 2020 asinaban un convenio para rehabilitar tres edificios tradicionais adquiridos pola Xunta, polo que o concello contratou o proxecto e licitou a obra, pero a finais de 2021 foi paralizada polo abandono da empresa concesionaria.

Agora vimos de coñecer, dixo, que “o goberno galego contrata outra vez a dedo un plan de dinamización da aldea modelo de Osmo por 18.000 euros” para unha exposición permanente. Preguntou “de que serve o gasto público en museos e actuacións turísticas se merman a calidade da educación, recortan os servizos sanitarios, reducen as posibilidades de mobilidade e non dan resposta ás necesidades de conciliación das familias e ao coidado dos maiores”.