A celebración do San Martiño e do Día do Mar centran a actividade da terceira xornada de Xantar

O Día do Mar contou coa presenza do director xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, quen destacou o papel que xogan peixes e mariscos como grandes embaixadores da calidade da gastronomía galega

As actividades desta xornada estiveron centradas en enxalzar os produtos do mar e as conservas de peixe e marisco

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén se celebrou o día dedicado á provincia da Coruña, ao Concello de Viveiro e á Cámara Municipal de Ponte da Lima

Xantar 2022 chega á súa terceira xornada na que, como é habitual desde 2009, celébrase o día dedicado ao mar e aos produtos de calidade que saen del. Nesta ocasión a celebración do Día do Mar coincidiu coa celebración do Día de San Martiño, patrón da cidade de Ourense e día grande para celebrar os Magostos que poden tamén celebrarse en Expourense onde non faltan os produtos típicos desta festa: pan, embutido, veu e tamén castañas asadas. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi un dos que elixiron Xantar para comer nun día tan especial para Ourense.
Os protagonistas desta terceira xornada de Xantar foron os produtos pesqueiros de Galicia. Durante o acto central de hoxe, o director xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, resaltou a importancia de “promocionar os produtos do mar en eventos como este para mellorar a súa comercialización e impulsar a xeración de riqueza e emprego no complexo mar-industria de Galicia”. Tamén sinalou aos peixes e mariscos como grandes embaixadores na promoción da gastronomía de calidade de Galicia. Antonio Basanta aproveitou a súa intervención para resaltar tamén o labor de promoción que realizan as festas gastronómicas dos produtos autóctonos e, como anécdota, comentou que hai 25 anos que no seu pobo (Cervo, situado na Mariña Lucense) creouse a Festa do Ourizo de Mar para darlle saída a un produto que ninguén quería e que agora case non poden pagalo debido a que se converteu nun produto delicatesen con gran demanda nacional e internacional.
Relacionado coa celebración do día do Mar participou tamén neste acto o secretario xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas e Mariscos

ANFACO-CECOPESCA, Roberto Carlos Alonso, quen destacou que a industria transformadora e conserveira de peixe e marisco de España é a primeira produtora da Unión Europea e segunda a nivel mundial (só despois de Tailandia), representando Galicia a principal rexión produtora e as súas conservas poden atoparse en 140 países. Destacou ademais que este sector xera emprego para 15.000 familias en Galicia e resaltou as propiedades nutritivas das conservas que “contan con excelentes propiedades nutricionais, grazas á achega de proteínas, vitaminas, minerais e ácidos graxos Omega 3 (EPA e DHA), intégranse perfectamente nunha dieta equilibrada”. Relacionado coas conservas impartíronse hoxe un taller de cociña e unha cata maridaxe de conservas orientada a profesionais do sector.
E aproveitando o día do mar, este venres foi tamén o día dedicado ao concello de Viveiro, situado na costa norte de Lugo e famoso internacionalmente pola calidade da súa Pescada do Petisco de Celeiro pescada con anzol, unha a unha, no Gran Sol. Este concello ofreceu unha degustación desta pescada acompañada polo Pan dos Apóstolos, un doce que acompaña a mesa da última cea do paso da súa Semana Santa de Interese Turístico Internacional e que soamente pode degustarse en semana santa en Viveiro e en Xantar.
Tamén foi hoxe o día dedicado á provincia da Coruña que estivo representado polo seu vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, que presentou a nova marca promocional “A provincia de que sabe” e indicou que “agora que comeza a chamada tempada baixa, é momento de darnos a coñecer no resto do país e apostar polo turismo interno e local. Xantar é un dos escaparates de maior éxito para este tipo de promocións dirixidas aos visitantes que veñen de lugares máis próximos”. Esta Deputación animou a concellos como Mazaricos, Vimianzo, Ponteceso, O Pino ou Muxía a organizar degustacións dos produtos das súas festas gastronómicas. Ademais, na súa caseta participan pequenos produtores da provincia entre os que pode atoparse á única empresa que produce e comercializa cachelos envasados.
A presenza portuguesa no día de hoxe correu a cargo da Cámara Municipal de Ponche de Lima que estivo representada polo seu alcalde Vasco de Almeida Ferraz que participaba por primeira vez na feira desde que foi elixido presidente deste municipio que hoxe promocionou o seu Arroz de Sarrabulho e os seus vinhos verdes.

A cooperación iberoamericana veu hoxe da man de Jaime Cabal, presente de FENALCO, a Federación Nacional de Comerciantes de Colombia e Presidente do Consello Gremial deste país que agrupa a 30 gremios empresariais.
A promoción das festas gastronómicas continuo hoxe coa presentación das dúas festas da Lamprea do Concello de Arbo. Hoxe tamén foi a xornada elixida pola Estación EVEGA para presentar o seu monográfico número 10 sobre as variedades autóctonas de Galicia e que está centrado no Brancellao.