- Os populares presentan unha moción ao Pleno deste xoves, 24 de novembro, solicitando que se acometa esa obra con cargo ao Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación.
- Os populares recordan que, dende que están no goberno PSOE e Ribeiro en Común nunca destinaron o Plan Provincial de Obras a facer unha obra, se non que sempre destinaron os cartos dese plan a sufragar gasto corrente do concello.
Ribadavia, 23 de novembro de 2022.- O Partido Popular de Ribadavia presenta unha moción ao Pleno deste xoves, 24 de novembro, solicitando que o concello de Ribadavia destine o Plan Provincial de Obras da Deputación á realización da obra de mellora dos accesos e o entorno do centro social da Fontiña Mariña en Francelos.
O centro social da Fontiña Mariña, situado na localidade de Francelos, é un centro de referencia para a realización de diferentes actividades de carácter formativo, lúdico e/ou social da veciñanza de Francelos. Isto supón que sexa importante o número de usuarios e usuarias os que visitan a cotío este centro social. os accesos a este centro social non son os axeitados, xa que son uns accesos moi complexos para persoas de avanzada idade ou con mobilidade reducida, e ademais o entorno deste centro precisa dunha actuación de mellora e humanización.
Ao mesmo tempo, os populares sinalan que “dende que están no goberno PSOE e Ribeiro en Común, o Concello de Ribadavia nunca destinou o Plan Provincial de obras da Deputación a facer obras, se non que, sempre destinaron os cartos deste plan a sufragar gasto corrente. Cómpre lembrar que as últimas obras que se fixeron en Ribadavia con cargo ao Plan Provincial da Deputación foron o acondicionamento do entorno da Arquetiña na Franqueirán e as beirarrúas da rúa Piñeiral, ambas obras promovidas polo goberno do Partido Popular de Ribadavia.”
Os populares consideran que, no contexto actual, o Concello de Ribadavia debe aproveitar o plan provincial para a execución de obras e non para pagar gasto corrente do concello. Tendo esto presente, os populares consideran que esta obra na Fontiña Mariña é unha obra que se pode axustar ao importe e as condicións do Plan provincial e que, ademais, permite dar resposta a unha necesidade que, dende hai tempo, teñen os veciños e veciñas de Francelos.
Por todo isto, o Partido Popular de Ribadavia solicítalle ao goberno que o concello de Ribadavia destine o Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación á realización da obra de mellora dos accesos e o entorno do centro social da Fontiña Mariña en Francelos. Con esta iniciativa preténdese que se introduza esta obra como a obra a desenvolver no Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos da Deputación do ano 2023.