por primeira vez a partir de maio
- Leopoldo Rodríguez, concelleiro e portavoz nacionalista desde o 2011, é o candidato a alcalde.
- A ex concelleira Xulia Paz, a responsábel comarcal do BNG, Ernesta Seoane, e a vicepresidenta do Comité de Memoria Histórica, María R. Cabaco, tres mulleres entre os cinco primeiros postos da lista.
CELANOVA, 3 de decembro de 2022. “Somos unha forza que medra, unida e constante no traballo. Estamos máis que preparadas e dispostas para gobernar Celanova”, dixo Leopoldo Rodríguez, candidato do BNG á Alcaldía de Celanova, na presentación este sábado no Salón da Arcos da Casa do Concello do primeiro tramo da lista para as municipais de maio. “Somos conscientes de que só hai unha alternativa real ao que camiño que tomou Celanova hai máis de tres décadas: a alternativa é o BNG. Só o BNG”, engadiu o candidato e portavoz nacionalista desde 2011.

Leopoldo Rodríguez será o número 1 dunha lista que, no seu primeiro tramo, integran a ex concelleira nacionalista Xulia Paz, como número 2; a responsábel do BNG Comarca de Celanova e Baixa Limia, Ernesta Seoane, número 3; un dos portavoces da plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, Erik Dobaño, número 4; e a vicepresidenta do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova, María Rodríguez ‘Cabaco’, no número 5. Todos eles son militantes do BNG e estiveron acompañados durante o acto de presentación polo voceiro nacionalista na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, que subliñou a ampla bagaxe política e a capacidade de traballo de Leopoldo Rodríguez, que tamén foi deputado provincial.
“Celanova ten que elixir entre humildade… ou arrogancia; entre democracia… ou nepotismo; entre traballo… ou desidia. Celanova ten que elixir entre compromiso e rectitude… ou enchufismo e zaragalladas”, resumiu o candidato do BNG á Alcaldía. “Celanova pode elixir traballo, compromiso e rectitude contra o desalento e a ineptitude. Ou alguén pensa que o Pérez-Cortés envía ao fillo a Celanova para facer algo distinto do que fan na Mancomunidade”.
A número 2 da lista, Xulia Paz, afirmou durante a súa intervención: “Celanova necesita máis BNG, e fomos moito BNG durante estes últimos catro anos e seremos moito máis nos catro seguintes. Porque a organización segue crecendo no país e tamén segue medrando en Celanova”.
Pola súa banda, a responsábel comarcal, Ernesta Seoane, encargada de presentar ás cinco candidatas, asegurou que Leopoldo Rodríguez “é o alcalde que Celanova merece e necesita”, e engadiu que “estas cinco persoas, representamos só unha parte do nacionalismo puxante en Celanova, detrás estades todas e todos vós”.
CORENTA ANIVERSARIO. O próximo 17 de decembro, o BNG de Celanova organizará un acto conmemorativo do 40 aniversario do Bloque coa participación de deputados e militantes veteranos da localidade e da comarca. Será no salón de actos do Refectorio do Mosteiro.