A Xunta inicia novos traballos de limpeza nas marxes das estradas de Ribadavia

A Xunta iniciará esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de dúas estradas autonómicas ao paso polos concellos ourensáns de Ribadavia e da Rúa.

Estas tarefas desenvolveranse, concretamente, nas estradas OU-403, entre Ribadavia e Ponte Castrelo, e na OU-602 na Rúa.

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén continuará as actuacións xa iniciadas en pasadas semanas na vía de altas prestacións VG-1.3 no seu percorrido polos municipios coruñeses de Oleiros, Cambre e Sada.

Ademais, proseguirán os traballos na estrada LU-162, nos municipios lucenses do Valadouro e Foz; ou na LU-751, en Meira e Ribeira de Piquín.

A próxima semana seguirán tamén as tarefas de roza e limpeza en execución nas marxes da OU-121 no Barco de Valdeorras; e na OU-320, en Sandiás e en Allariz.

Control de biomasa

O Goberno galego acomete estas actuacións no marco do contrato coa empresa pública Seaga, por importe de máis de 2,2 millóns de euros, para o control da biomasa das marxes das estradas de titularidade autonómica para previr lumes e reforzar a seguridade viaria.

Estas novas accións de conservación nas vías de titularidade da Xunta permitirán, nesta nova encomenda, a roza mecánica de máis de 2.600 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 188.500 metros cadrados de xeito manual.

Como novidade nesta nova encomenda, prevese a reposición de 7.500 metros de valado en vías de alta capacidade que se poida danar nos labores de despexe ou roza. A reposición realizarase con valado reforzado para aumentar a protección da estrada fronte á entrada de animais.

Con esta nova encomenda, desde o ano 2018 lévanse investidos 8,3 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.