- Esta proposta pretende crear un modelo de confluencia entre arte, ciencia, compromiso social e vivencia local para mostrar a sensibilidade destes ecosistemas naturais e culturais a calquera transformación enerxética-industrial.
- 12 profesionais da fotografía, 12 guías locais e un documentalista acudiron a diferentes lugares dos montes Cádavo e Montouto onde se pretenden instalar os aeroxeradores eléctricos e outras instalacións relacionadas cos citados parques.
Nos últimos meses a Xunta de Galicia validou un grande número de declaracións de impacto ambiental de parques eólicos que se estenden por toda Galicia. Entre as declaracións aprobadas están as do Parque Touriñan III-2 e Campo das Rosas nos montes Cádavo en Montouto nos concellos de Campo Lameiro, A Estrada, Cerdedo-Cotobade e Cuntis na provincia de Pontevedra. Zona que está sendo obxecto de información continua nas últimas semanas en diferentes medios de comunicación trala reivindicación feita polo director de cine Rodrigo Sorogoyen nos premios Goya.
Numerosos colectivos, asociacións, veciñas e veciños nos territorios afectados levan anos realizando accións en defensa destes espazos naturais e rurais: alegacións as declaracións de impacto ambiental, manifestacións, concentracións, charlas informativas e outras tantas actividades. Este é o caso da asociación Alarma Terra de Montes, a asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, o Colectivo do Vento, a asociación SOS Suído Seixo e o colectivo de Rousmeri Caroi que entre as accións mais recentes está o chamamento a unha acción colectiva da sociedade galega, fronte a invasión dos parques eólicos en toda Galicia denominada Burla Verde que ten convocada para o 29 de abril unha serie de actos no curro da Rapa das Bestas de Sabucedo.
Na raíz deste movemento social naceu tamén esta convocatoria de “artivismo” baixo o título O DEVALAR DO MONTE GALEGO. Esta acción fotográfica acuña este termo en referencia ó autor Ramón Otero Pedrayo que utilizou esta forma poética coa que expresaba as formas nas que a paisaxe xorden e mudan co tempo, coma o monte devala cara ó val ou o río cara o mar. Mais tamén adaptándose ó seu sentido máis literal, ”minguar”, que na contemporaneidade máis cruda mostra a perda dos nosos espazos naturais, patrimonio e cultura.
Esta é unha proposta que pretende crear un modelo de confluencia entre arte, ciencia, compromiso social e vivencia local para mostrar a sensibilidade destes ecosistemas naturais e culturais a calquera transformación enerxética-industrial.
Durante este sábado 18 de marzo 12 profesionais da fotografía (Cristina Abilleira, Anxo Cabada, Mónica Vila Ferreirós, Julio Eiroa, Carla Fernández Andrade, Miguel Riopa, Rosa Neutro, Damián Porto, Elena Buch, Pablo Camba, Judith Adataberna, Ángel Araujo), mais un documentalista (Adrián Vilas), acompañados de 12 guías locais acudiron a diferentes lugares dos montes Cádavo e Montouto onde se pretenden instalar os aeroxeradores eléctricos e outras instalacións relacionadas cos citados parques.
A idea é que a creatividade que se desenvolve sobre o terreo o longo de este día 18 de Marzo desemboque nunha exposición deseñada coma instalación total na que a fotografía e o son das gravacións recollidas noutras xornadas, xunto con outras formas artísticas, acheguen unha perspectiva sensorial do que se perderá baixo a propagación dos eólicos.
Con este espírito, acompañarán á exposición charlas e mesas redondas, que convocarán a personalidades do mundo científico, naturalistas, da antropoloxía, da loita en defensa da natureza, dos usos económicos e sociais tradicionais do monte, etc. Tamén se organizaran obradoiros cun enfoque pedagóxico e didáctico, que acheguen as problemáticas expostas á poboación.