Manuel Baltar define a colaboración entre a Deputación e Sogarpo como “unha iniciativa innovadora para facer máis Ourense”

O presidente da Deputación recibiu esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel ao consello de administración da Sociedade de Garantía Recíproca da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra e Ourense, que encabezado polo seu presidente, Artur Yuste, escolleu a capital ourensá para manter unha das súas reunións habituais

Manuel Baltar puxo a Sogarpo como exemplo de colaboración público-privada, tanto pola participación da Deputación nesta sociedade como polo convenio asinado en días pasados “para achegar 500.000 euros desde a institución provincial ao financiamento de operacións que axilicen o crédito a pemes e autónomos da provincia”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 30 de marzo de 2023.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, recibiu esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel ao consello de administración da Sociedade de Garantía Recíproca da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra e Ourense (Sogarpo), que encabezado polo seu presidente, Artur Yuste, escolleu a capital ourensá para manter unha das súas reunións habituais.

Manuel Baltar puxo a Sogarpo como exemplo de colaboración público-privada, tanto pola participación da Deputación nesta sociedade como polo convenio asinado en días pasados “para achegar 500.000 euros desde a institución provincial ao financiamento de operacións que axilicen o crédito a pemes e autónomos da provincia”.

Para o presidente da Deputación está e “unha iniciativa innovadora para facer máis Ourense e que vai ter o seu impacto no tecido produtivo ourensán e axudará ao desenvolvemento económico do territorio”. Unha aposta polo traballo conxunto que mereceu o recoñecemento de Manuel Baltar cara Sogarpo, “co que poñemos en marcha un novo instrumento de cooperación a través deste convenio”, deixando as portas abertas “a outras iniciativas que poidan xurdir no futuro”.

O convenio preséntase ao pleno ordinario de mañá

Precisamente o convenio asinado entre a Deputación de Ourense e Sogarpo figura na orde do día do pleno ordinario de marzo que a corporación provincial celebra mañá venres. O documento recolle unha liña de colaboración -que se renovará en 2024 con outros 500.000 euros-, polo que o goberno provincial bonificará as comisións e estudos dos avais outorgados ante as entidades de crédito e outros financiadores a favor de autónomos e pemes domiciliados na provincia de Ourense, ou que acrediten que os investimentos financiados con operación se realizan en territorio ourensán.

As axudas incluídas no convenio tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes e autonómos ourensáns, facilitando tres modalidades de axuda: préstamos avalados para o crecemento das pemes; operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial; e garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos.