O candidato á alcaldía polo BNG, avanzou os principais obxectivos e proxectos cos que, no eido social, concorrerá aos comicios do 28 de maio.
Seara comprometeuse a aumentar o orzamento destinado ás entidades do terceiro sector pasando dos 325.000 euros actuais até o millón de euros.
Ourense, 27 de abril de 2023. Dentro da rolda de encontros con diferentes colectivos sociais, veciñais, culturais, deportivos ou profesionais, o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, espuxo diante da AECC o seu Programa de goberno ou o que é o mesmo, “as 20 medidas para transformar Ourense”.
Baseado en 5 eixos fundamentais, Ourense como concello sostible e da auga, acolledor, en movemento, creativo e económicamente activo, Seara destacou as principais medidas a adoptar polo BNG se ten responsabilidades de Goberno logo dos comicios do 28 de maio.
Seara fixo especial fincapé en todo aquilo que ten que ver cos Servizos Sociais e a atención ás persoas xa que tal e como manifestou na reunión, “para nós os Servizos Sociais e a atención ás persoas é fundamental dentro da nosa acción de goberno”, e engadiu, “desde o Concello non podemos escatimar esforzos nesta materia, é máis, onde non chega a administración, sempre hai unha asociación ou un colectivo disposto a cubrir esas necesidades polo que é necesario que o Concello estea aí, apoiando e contribuíndo ao inmenso traballo de colectivos e asociacións, como é neste caso a AECC”.
O candidato do BNG repasou todo o traballo feito ao longo deste mandato no que rexistraron varias iniciativas relativas á mellora e o aumento de recursos tanto materiais como humanos na Concellería de Servizos Sociais, á reactivación da asistencia sanitaria, a posta en marcha dunha mesa para a recuperación económica e social, o reforzo da atención en Servizos Sociais a través da colaboración coas entidades do denominado terceiro sector, a posta en marcha dun Plan integral de loita contra a pobreza ou mesmo para a sinatura dun pacto polos Servizos Sociais no Concello.
No tocate ás propostas de futuro, Luís Seara comprometeuse a aumentar o orzamento actualmente adicado ás axudas a entidades do terceiro sector “para pasar dos 325.000 euros actuais ao millón de euros”. Outra das propostas pasa por darlle aos Servizos Sociais “o rango que desde o BNG entendemos teñen que ter e por iso será un área de Goberno liderada e dirixida directamente desde a alcaldía do Concello”.
Seara agradeceu o traballo da AECC e recolleu todas as inquedanzas e propostas que desde a mesma lle trasladaron no transcurso da reunión.