O Porco Celta acudirá un ano máis á Semana Verde con propostas para todos os públicos

  • Volve a Semana Verde Galicia e, con ela, regresa a Silleda o Porco Celta. Este ano, a raza estará de novo presente con exhibición de animais, con concursos morfolóxicos e de manexo e con postos informativos e de venda produtos.
  • Así mesmo, poderanse saborear derivados deste porco no TapiRazas e sortearanse lotes de produtos entre os asistentes á feira.

Lugo, 5 de xuño de 2023. Dende o xoves 8 e ata o domingo 11 de xuño a raza Porco Celta estará amplamente representada na nova edición da Semana Verde de Galicia, na que se baterán récords tanto no que respecta ao volume de animais presentes, como no que se refire ao número de operadores participantes no Salimat.

CONCURSOS MORFOLÓXICOS O XOVES E CERTAME DE MANEXO O DOMINGO

AVANTAR ACTIVIDADES

O xoves, en horario de mañá, celebrarase o V Concurso Morfolóxico da Raza Porco Celta, coas categorías de ‘Macho reprodutor’, ‘Femia reprodutora’ e ‘Recría’. O volume de animais presentes na feira supérase ano tras ano e, nesta edición, participarán un total de 56 exemplares chegados de 33 ganderías de toda a comunidade (6 da Coruña, 18 de Lugo, 3 de Ourense e 6 de Pontevedra), así como do rabaño de Porco Celta de Armariz, dependente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Asoporcel tamén organizará, o domingo ás 18:00 horas, unha das actividades centrais da feira para a asociación: o IV Concurso Nacional de Manexo do Porco Celta, no que desta volta competirán 6 animais (1 da Coruña, 4 de Lugo e 1 de Pontevedra).

RÉCORD DE OPERADORES EN SALIMAT

A Casa da Rúa (Oza-Cesuras), CMF Celtaporc (Vila de Cruces), Ramón Vázquez (Monforte), Tres Fuciños (Carballedo), Embutidos Hermelino (O Valadouro), CienPorCel (Cenlle) e Celtagal (Mondoñedo) serán as marcas dos operadores –todos eles gandeiros de Porco Celta– que venderán produtos da raza no Salón de Alimentación Atlántico (Salimat). Ademais, Asoporcel contará cun posto no que se poderá solicitar información sobre o traballo da asociación e no que haberá, como novidade, unha sorpresa para os visitantes.

Por outra banda, o Porco Celta volverá ser un dos esenciais nos menús degustación do TapiRazas, elaborados polo cociñeiro Antonio Díaz. O xoves poderase saborear xamón de Porco Celta con ovos rotos de Galiña de Mos; o venres, croquetas de roxóns de Porco Celta; e o sábado, empanada de zorza de Porco Celta.

ETIQUETA AO PORCO CELTA NAS REDES PARA GAÑAR 3 LOTES DE PRODUTOS

Logo do éxito de participación do ano pasado, nesta edición os asistentes á feira poderanse volver facer cun dos 3 lotes de produtos que se sortearán entre todos aqueles que faga unha foto con algún elemento no que estea presente o Porco Celta na Semana Verde (cos animais, no Salimat, nos stands dos operadores…) e llela fagan chegar (etiquetándoos en redes ou enviándollelas por mensaxe privada ou por whatsapp ao 982 226 252) antes do domingo 11 de xuño ás 18:00 horas.