O Psdeg-Psoe de Ourense destaca en Parada de Sil que da man do Psoe a provincia “avanza” fronte a un tándem do PP e Vox que quere “facernos volver aos tempos escuros”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

“A política é mellorar a vida das persoas e se queremos obxectivos máximos acabamos perdendo o posible e mesmo votando en contra, como fixo o BNG, polo que para que España, Galicia e Parada avancen é imprescindible votar todos o PSdeG-PSOE”, sinalou Magide

Noela Blanco afirmou que “temos motivos dabondo para estar orgullosos do que se fixo durante estes 5 anos de Goberno, con Pedro Sánchez ao fronte do executivo, polo que non hai ningún motivo para non votar ao PSOE o vindeiro 23 de xullo”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 19 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar un encontro esta tarde coa veciñanza de Parada de Sil onde destacou que da man dos e das socialistas a provincia de Ourense “avanza” fronte a un tándem do PP e Vox que quere “facernos volver aos tempos escuros e a un pais en branco e negro”. Dende o PSOE ourensán subliñaron a “importancia” de concentrar o voto no Partido Socialista, o “único que pode evitar que o PP chegue aos 3 deputados na provincia”.

Nun acto celebrado na Praza do Curtiñeiro, e no que participaron centos de veciños e veciñas de Parada de Sil, os e as socialistas avogaron por un proxecto de “futuro” para a provincia de Ourense. Interviñeron no mesmo o alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez; o candidato ao Congreso, Paco Magide; e a candidata ao Congreso, Noela Blanco.

O alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez, puxo o foco na “importancia” de seguir contando cun Goberno “progresista e que avanza en materia de dereitos sociais, laborais e de igualdade, fronte a un modelo, o do PP, que nos quere facer retroceder no tempo”. O rexedor do municipio tamén afirmou que “Parada do Sil avanza da man dos gobernos socialistas, polo que este 23 de xullo temos que mobilizarnos e encher a urnas de votos ao progreso e ao PSOE”.

Pola súa banda o candidato ao Congreso e tenente de alcalde de Parada de Sil, Paco Magide, tratou de reflexionar coa veciñanza sobre que pode acontecer “se goberna o tándem PP-Vox”. O candidato socialista tamén lle pediu aos veciños e ás veciñas que acudiron ao mitin que reflexionases “sobre se viven mellor ou peor que fai cinco anos, porque a pesar de que este Goberno tivo que loitar contra a pandemia, o volcán da Palma ou a guerra de Ucraína, fixo moitas melloras en pensións, contratacións e mellora de salarios”. Por último, invitounos a pensar sobre “o feito en Parada”, antes de rematar insistindo que a política “é mellorar a vida das persoas e se queremos obxectivos máximos acabamos perdendo o posible e mesmo votando en contra, como fixo o BNG, polo que para que España, Galicia e Parada avancen é imprescindible votar todos o PSdeG-PSOE”.

A candidata ao Congreso dos Deputados por Ourense, Noela Blanco, salientou a ausencia de Alberto Núñez Feijóo no debate electoral que se celebrará en RTVE esta noite afirmando que “só hai dous motivos polos que alguén non acude a un debate, por medo ou porque ten algo que ocultar e efectivamente Feijóo ten moito que ocultar porque no seu programa inclúe a baixada das pensións, a baixada do salario mínimo e deixar totalmente baleiro de contido, como xa fixo con Rajoy, a Lei de Dependencia que protexe aos máis vulnerables do noso pais”. A candidata socialista tamén quixo destacar a subida da pensión de viuvedade en 116 euros e afirmou que “temos motivos dabondo para estar orgullosos do que se fixo durante estes 5 anos de Goberno, polo que non hai ningún motivo para non votar ao PSOE o vindeiro 23 de xullo”.