O secretario xeral do partido, Valentín González Formoso, asistirá ao acto que terá lugar este xoves 27 de xullo, ás 20.00 horas, aberto a toda a cidadanía
Os e as socialistas de Ourense, xunto a XX. SS. e UXT, honrarán a memoria do primeiro rexedor na escalinata da Igrexa de Santa María Nai
Ourense, 26 de xullo de 2022. A agrupación municipal do PSdeG-PSOE de Ourense organiza este xoves 27 de xullo, ás 20.00 horas, ao pé da igrexa de Santa María Nai, o tradicional acto de homenaxe ao alcalde Manuel Suárez Castro, no 86 aniversario do seu asasinato a mans das tropas franquistas.
A coordinación do mesmo correrá a cargo de Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos da CEM do PSdeG-PSOE de Ourense, e intervirán no mesmo: Alba Iglesias García, secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense; Cristóbal Medeiros, secretario comarcal de UXT Ourense; Natalia González Benéitez, secretaria xeral da Agrupación Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense; Rafael Rodríguez Villarino, secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense e representantes da familia da vítima do bando franquista. Pechará o acto o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso.
Manuel Suárez Castro, “Manoliño”, foi asasinado na madrugada do 28 de xullo de 1937. Impulsor da modernización de Ourense nos anos 30, presidente da agrupación local do PSOE, vicepresidente da Deputación, cofundador da Caja de Ahorros Provincial e canteiro de profesión. Foi unha das moitas vítimas inocentes que perderon a vida por culpa do golpe de Estado fascista contra o goberno lexítimo da II República.
No ano 2009, a proposta do último goberno socialista na cidade, Manuel Suárez Castro recibiu o recoñecemento da sociedade ourensá e do Concello coa entrega da Medalla de Ouro de Ourense e da designación da Escola de Artes Escénicas situada no Complexo Cultural de San Francisco co seu nome.
Respecto a isto último, e pese a aprobarse por unanimidade, Xosé Lois Carrión lembrou que “a día de hoxe, na denominación oficial do centro non consta en ningures o seu nome e, ademais, hai uns anos desapareceu a placa que informaba desta circunstancia”. Por iso, no vindeiro Pleno municipal se preguntará pola reposición de dita placa e se solicitará que se engada Manuel Suárez Castro á Escola de Artes Teatrais e Escénicas de Ourense en todo tipo de información.
Nesta mesma liña, o 2 de setembro de 2022, a proposta do GMS, a Corporación aprobou por unanimidade que a rúa Baixada-Tras Alameda –que une a vía dende a Ponte das Burgas ao cruce das rúas Doutor Fleming / Parada Justel– fora denominada no sucesivo co nome do último alcalde republicano da cidade. “Hai practicamente un ano de dito acordo municipal, mais a día de hoxe non consta na rúa ningunha placa que indique tal denominación”, denunciou o secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos sobre outro dos asuntos que se levarán ao próximo pleno.