O Psdeg-Psoe de Lobios critica 12 anos de promesas “incumpridas” da alcaldesa do municipio en relación a renovación e reforma das instalacións do campo de fútbol do Paraño

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas denuncian que a rexedora “só apareceu polo campo de fútbol na véspera das eleccións municipais para volver a prometer a renovación do estadio, que a día de hoxe segue sen materializarse”
Afirman que o actual estado do campo “é pésimo, cunha grada con graves deficiencias, un terreo de xogo impracticable en varias zonas e cun estado de desleixo total” e esíxenlle a alcaldesa “respecto para a UD Lobios e os seus socios, que seguen agardando pola reforma”
Lobios, 31 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE de Lobios critica 12 anos de promesas “incumpridas” da alcaldesa, a popular María del Carmen Yáñez, en relación a renovación das instalacións deportivas do campo de fútbol do Paraño. Os e as socialistas denuncian que a rexedora “só apareceu polo campo de fútbol na véspera das eleccións municipais para volver a prometer a renovación integral do estadio, que a día de hoxe segue sen materializarse”.
Dende o grupo municipal socialista explican que as reivindicacións para a reforza do campo do Paraño veñen de longo e afirman que “xogadores, corpo técnico, directiva e seareiros da UD Lobios están fartos de promesas baleiras e boas palabras e esixen unha solución inmediata”. Cabe lembrar que en setembro de 2022 aprobouse unha modificación de crédito en sesión plenaria na Deputación de Ourense, na que se incluía a reforma do campo de fútbol do Paraño. Existe tamén un convenio asinado entre a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia para a reforma do estadio cun importe total de 460.000 euros.
Dende o PSOE de Lobios esíxenlle ao goberno municipal do Partido Popular e a alcaldesa que “materialicen xa a renovación do estadio”, para dotalo de céspede artificial, novas gradas e o acondicionamento total do mesmo. Neste senso, os e as socialistas afirman que o actual estado do campo de fútbol “é pésimo, cunha grada con graves deficiencias, un terreo de xogo impracticable en varias zonas e cun estado de desleixo total”. Tamén manifestan o “medo” existente entre as persoas que forman parte do club de que os cartos destinados a reforma do campo de fútbol “acaben investíndose noutros obxectivos”, algo que segundo manifestan “non se entendería”.
O concelleiro socialista e secretario de organización do PSdeG-PSOE de Lobios, Patrick Rodríguez, afirma que o concello “leva 12 anos desentendéndose do campo de fútbol e do equipo e tan só aporta 1.500 euros, que apenas chegan para cubrir a inscrición de fichas”. O edil socialista tamén pon de manifesto que o “desleixo” amosado pola alcaldesa “é prexudicial para un club que está practicamente conformado por xogadores exclusivamente do municipio, salvo 4 ou 5 que chegan de concellos da contorna”.
Rodríguez subliña que “durante 12 anos, a señora Yáñez leva prometendo unha e outra vez a construción dun novo campo de fútbol e anunciando datas para a súa posta a punto, pero cando chega o momento de iniciar as obras, só da largas e anuncia novas datas, nas que tampouco se remata de materializar a renovación”. “O punto álxido chegou a finais de 2022, cando a rexedora se comprometeu a comezar as obras a final de tempada, no mes de maio, para posteriormente dicir que comezarían en xullo e agora xa fala de outubro, pero temos claro que tampouco se levarán a cabo”.
Dende o PSdeG-PSOE de Lobios esíxenlle a rexedora “seriedade” e que “se poña as pilas” para traballar a prol da veciñanza e impulsar “dunha vez por todas” a ansiada reforma do campo de fútbol do Paraño. Un campo, que tal e como apuntan os socialistas, “se enche cada fin de semana de veciños e veciñas que se desprazan para ver o equipo do seu municipio e que lles permite desfrutar de grandes ratos de ocio”. Neste senso, tamén destacan que a UD Lobios “fai unha labor encomiable no eido social, familiar e económico, polo que precisa de máis apoio institucional por parte do concello e de que cesen as faltas de respecto e as promesas incumpridas por parte da alcaldesa”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO