Xinzo de Limia disporá dun parque infantil inclusivo e sensorial na área das piscinas

Trátase dun proxecto non produtivo presentado polo Concello durante o mandato da antiga rexedora, Elvira Lama, para a creación dun espazo de ocio sensorial, integrador e sostible na vila.

O PSdeG-PSOE celebra a adxudicación dunha subvención de 30.000 con cargo aos Fondos Leader a través do GDR-10 Limia-Arnoia para o período 2023-2024 en beneficio de veciñas e veciños.

AVANTAR ACTIVIDADES

Xinzo de Limia, 4 de agosto de 2023. O grupo municipal socialista en Xinzo de Limia acolle con satisfacción os éxitos da súa xestión á fronte do Concello, desta volta para desenvolver unha actuación inclusiva a prol das persoas con diversidade funcional. Na procura de erixir Xinzo de Limia un referente na materia, sendo a inclusión social unha máxima do goberno da rexedora Elvira Lama, os parques inclusivos e sensoriais están pensados para incentivar os xogos non guiados e integradores no ocio dos mais pequenos.

“É un  proxecto que foi pensado para a potenciar a integración social, interrelación, habilidades e psicomotricidade a través dos diferentes elementos non guiados do parque”, sostén Elvira Lama, ex alcaldesa e voceira do grupo socialista no Concello de Xinzo de Limia. Segundo esta, “un parque destas características fai que a imaxinación e inquedanzas sexan a motivación central dos xogos infantís, adaptando elementos e percorridos ás necesidades dos cativos, nomeadamente aqueles con diversidade funcional”.

Presentado a través do GDR-10 Limia Arnoia a fondos europeos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), con cargo os Fondos Leader adxudicouse unha aportación do 71% do investimento total do proxecto (30.000 euros sobre un monto global de 46.600,19 euros), resultando este un dos nove proxectos seleccionados sobre un total de 20.

A actuación persigue a creación dun novo espazo situado na entorna deportiva das piscinas municipais, entre as pistas de pádel e as piscinas cubertas, estendendo deste xeito a superficie destinada a ocio e desfrute da veciñanza. Conséguese así a ampliación da oferta de parques infantís de Xinzo de Limia erixindo unha área de esparexemento na que se insire este parque infantil sensorial, integrador e sostible, para favorecer a saúde física, pero tamén mental, a través do reforzo das habilidades cognitivas de nenas e nenos.