Desde a formación nacionalista tamén propoñen dotar a partida de xeito suficiente e axeitado para que ningunha entidade social que cumpre os requisitos quede fóra por falla de crédito
O pasado 10 de agosto, o Alcalde asinaba o Decreto de resolución da convocatoria para a concesión de subvencións a asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de Servizos Sociais do Concello de Ourense, Decreto no que, tal e como denuncia o Grupo municipal do BNG, as entidades XARELA – Formación – Animación, Asociación de persoas con discapacidade de Ourense, Fundación Neuroburgas de dano neurolóxico, Asociación de Fibromialxia, Síndrome de Fatiga Crónica e Sensibilidade Química de Ourense (AFFOU), Valores C innovation, Fundación Amigos de Galicia, Asociación Diabética Auria, ALCER Ourense, DISCAFIS-COGAMI, Asociación Xuvenil Amencer, Asociación Esgaia Inserta, non se lles concedía a subvención por falla de crédito orzamentario.
No pleno do pasado 1 de setembro, a Concelleira Rhut Reza interpelaba á Concelleira delegada sobre “que pensaba facer e instábamos ao Goberno Local a que, excepcionalmente, se asinara un convenio con estas entidades polo importe correspondente ao que deixaron de percibir por falla de crédito orzamentario, pois a transferencia que se fixera no 2022 non se executara e non se chegou a facer efectiva para as entidades ao non modificar a convocatoria”.
Reza lembra que onte mesmo “a Xunta de Goberno Local aprobou unha modificación orzamentaria de 787.570 euros para a Área Social, concretamente para axudas de emerxencia e convenios coas entidades sen ánimo de lucro en materia de Servizos Sociais”.
Mais o certo e para sorpresa dos nacionalistas e tal e como afirma Rhut Reza “nestes convenios en ningún momento se inclúen os proxectos destas 11 entidades que quedaron fóra da asignación económica por falla de fondos na convocatoria de subvencións”, e engade, “hoxe o Concello anuncia que dotará a partida con máis cartos para atender a estas entidades sociais, cousa que xa fixo na convocatoria do 2022 e non chegou a materializar”.
Para evitar que volva a acontecer o de 2022, desde o Grupo municipal do BNG entenden necesario “asinar de xeito excepcional convenios para subvencións nominativas como os que se van facer con 25 entidades deportivas por un valor de 1.085.000€ ou por valor de 487.570€ con nove entidades sociais coas entidades sociais que na convocatoria dos anos 2021, 2022 e 2023 non recibiron os fondos por falla de crédito orzamentario así como dotar a partida de xeito suficiente e axeitado para que ningunha entidade social que cumpre os requisitos quede fóra por falla de crédito”.