Gabriel Alén salienta o traballo da Xunta pola inclusión das persoas con discapacidade

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asistiu esta mañá no campo de fútbol Luis Cid Carriega de Allariz á inauguración da  XI Marchas Ciclistas Unificadas, Special Olympics Galicia onde subliñou a importancia do deporte como vehículo para favorecer a autoestima, a capacidade de superación, as relacións sociais e a plena inclusión.

O delegado territorial reivindicou “un deporte global, inclusivo, igualitario, para todos e para todas. Un deporte que non entenda de xénero, nin de idades, nin de condicións”. Así o  subliñou diante dos participantes a quen lles dixo, “sodes a viva representación de todos e cada un dos valores que agocha o deporte: sacrificio, resiliencia, esforzo, traballo, constancia, compañeirismo e sobre todo, inclusión”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén quixo por en valor o traballo de Special Olympics Galicia e louvar a dedicación  que realiza neste eido os 365 días do ano e a pé de campo. Proba diso foron os resultados dos Xogos Mundiais Special Olympics Berlín 2023, onde a delegación española veu de volta con 8 medallas de ouro, 13 de prata, 14 de bronce e 46 de participación.

O representante do Goberno galego en Ourense salientou o traballo permanente da Xunta pola inclusión das persoas con discapacidade. Nesta liña, recordou que “a discapacidade, sexa do tipo que sexa, debe atenderse desde a perspectiva da igualdade, a non discriminación, a accesibilidade universal e a acción positiva. Non se trata de adaptarse para integrarse na sociedade, senón que é ela a que debe estar atenta ás necesidades de cada persoa”.

Convenio

Neste sentido, Gabriel Alén puxo en valor a colaboración da Consellería de Política Social  e Xuventude con Special Olympics a través dun convenio que permite a organización de actividades deportivas adaptadas, ocio, accións formativas e a promoción do voluntariado. Nos últimos dez anos, este entidade recibiu máis de 2,1 millóns de euros ao abeiro deste acordo.

Special Olympics

Special Olympics é un movemento internacional que está presente en 170 países, alcanza a 3,7 millóns de deportistas con discapacidade intelectual que participan en máis de 32 modalidades deportivas de verán e inverno.

Seguindo os pasos que viñan de internacional, Special Olympics España estableceuse en España en 1991 da man da Infanta Dona Elena de Borbón, quen é a presidenta de honor de SOE. Aos poucos, a organización no territorio español foi collendo forza ata converterse en movemento de referencia no sector da discapacidade. E é que os últimos pasos dados avalan o noso traballo e filosofía. En 2006 constituíuse  a fundación e obtivo o recoñecemento do Consello Superior de Deportes, e en 2011 foros nomeados membros do Comité Paralímpico Español.

A nivel estatal están presentes en 13 comunidades autónomas, xa sexa sendo Special Olympics autonómicos ou ben cun convenio de colaboración, ademais de Ceuta e Melilla. O alcance chega a 16.000 deportistas e 4.500 persoas entre voluntarios e adestradores que participan en 16 modalidades deportivas distintas.

En Special Olympics ofrecen adestramento deportivo e competición atlética durante todo o ano a persoas con discapacidade intelectual en diferentes modalidades deportivas, co obxectivo de que desenvolvan aptitudes físicas, demostren valor, participen nun intercambio de dons, destrezas e compañeirismo coas súas familias, atletas Special Olympics e a sociedade en xeral. Teñen o convencemento que as persoas con discapacidade intelectual poden aprender, gozar e beneficiarse da participación en deportes individuais e de equipo.