O PSOE de Ourense reclama a construción dun parque infantil de tráfico ou recuperar Expourense para formar aos condutores do futuro

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Logo de coñecerse os tráxicos datos de vítimas mortais en accidentes de tráfico nas estradas ourensás (case 700 persoas perderon a vida nas vías da provincia dende o ano 2000) o grupo municipal socialista considera imprescindible e urxente que se retome a actividade de concienciación que se levaba a cabo no parque infantil de tráfico. Por este motivo, presentará unha moción no vindeiro pleno ordinario de xaneiro para que o Concello se poña as pilas na materia.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

“A través da educación asimílanse, apréndense e se xeran coñecementos, normas de conduta, modos de ser e formas de ver o mundo. O alumnado vai sendo quen de adquirir un pensamento crítico. Este proceso, ademais, contribúe a crear unha serie de habilidades, actitudes e valores dando forma á personalidade de cada suxeito”, sinala o texto que defenderán dende o PSdeG.

Os datos son estremecedores, pois tal e como se publicaba nos medios de comunicación recentemente, Ourense rexistrou o pasado ano o maior número de falecidos en sinistros dende o 2011: 24 persoas morreron nas carreteiras. E coas cifras na man, faise imprescindible a prevención e a formación dos condutores, condutoras e peóns do futuro. Por iso, entre os puntos de acordo a aprobar polo pleno atópase o de instar ao goberno local á construción dunha instalación destinada a se converter nun Parque Infantil de Tráfico ou á recuperación do espazo do que se dispuña nas instalacións de Expourense.

A intención da iniciativa é que o parque sirva para o alumnado de toda a provincia. E neste senso, os e as socialistas reclaman a colaboración institucional –con aportación de medios económicos, materiais, humanos…– aos organismos públicos con competencias directas ou indirectas en seguridade vial, especialmente á DGT e á Deputación de Ourense.

“A educación vial é parte da educación integral das persoas, sendo esta unha base eficaz de actuación cidadá, dirixida ao desenvolvemento de hábitos e actitudes que permiten á mesma dar unha resposta segura nas distintas situacións de tráfico nas que se poden ver inmersos. E se pode asegurar tamén que mellora a responsabilidade á hora de actuar como peóns, pasaxeiros e pasaxeiras ou condutores e condutoras co fin de reducir os accidentes”, lembra a edil Cristina Cruz.

Así mesmo, entre os puntos para os que o grupo socialista espera acadar o apoio da oposición se atopa tamén a necesidade da creación dunha Escola de Educación Vial municipal para promover a mobilidade sostible. “Para elo resulta preciso contar co compromiso do corpo da Policía Local, dos seus axentes e, especialmente, cos profesionais da ensinanza”, advírtese na iniciativa.

O mencionado recinto situado en Expourense encaixaba á perfección nas necesidades para levar a cabo as actividades formativas, mais deixou de funcionar no curso 2017/2018 sen volver a retomarse a actividade até o día de hoxe e sen ofrecer unha alternativa similar para o alumnado.