O PSdeG-PSOE de Ourense fíxase como obxectivo recuperar unha sanidade pública “digna e de calidade”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Ourense aposta por un proxecto para a provincia que recupere os piares básicos que o PP destruíu a base de recortes e desmantelamento. Os e as socialistas fíxanse como obxectivo recuperar unha sanidade pública “digna e de calidade”, apostan pola mellora das infraestruturas autonómicas na provincia e teñen un plan para loitar contra a “grave” crise demográfica que padece Ourense, tras anos de “desleixo e abandono” dos populares, que só provocaron marcha de ourensáns e ourensás cualificados. A candidatura ourensá aposta tamén por ” melloras no transporte e na industria, un plan de vivenda, xerar emprego de calidade, reforzar a educación, protexer o medio ambiente, rescatar o termalismo do ostracismo ou potenciar o sector primario e forestal”.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A candidatura socialista ofreceu unha rolda de prensa aos medios de comunicación na que participaron Carmen Rodríguez Dacosta, Nacho Gómez Pérez, Eladio Santos Martínez, Áurea Soto Vázquez, Xurxo Doval Blanco, Ainhoa Rodríguez Álvarez e Miguel Gómez García. Os e as socialistas aproveitaron para celebrar a posta de largo da súa candidatura de cara as autonómicas do 18 de febreiro ante os medios de comunicación e explicar o proxecto socialista para a provincia encabezado por José Ramón Gómez Besteiro, un líder que “coñece ben o interior de Galicia e as súas grandes eivas”.

A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, salientou durante a súa intervención os “contrastes” entre cando goberna o PP e cando o fai o PSOE. Puxo como exemplo que fronte “a desidia, o abandono, o conformismo e parálise do PP na Xunta”, atópase o Goberno encabezado por Pedro Sánchez que aposta “pola subida das pensións, por fomentar o aumento da afiliación a seguridade social, polo incremento do salario mínimo interprofesional, polos abonos de transporte gratuíto, polas becas, polo bono social ou polo ingreso mínimo vital”. Medidas que en palabras da cabeza de lista da candidatura do PSOE ourensán “están pensadas por e para as persoas”.

Rodríguez Dacosta sinalou que estamos ante un momento “clave”, xa que tal e como argumentou “precisamos un cambio e rematar coa pésima xestión a ineficacia do Partido Popular ao fronte da Xunta de Galicia”. Para elo, a candidata socialista fixo fincapé en que da man do candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, “imos transformar a provincia cun proxecto, un programa e con medidas pensadas para mellorar o benestar, a calidade de vida e o día a día de toda a veciñanza da provincia de Ourense”. Dacosta afirmou por último que aproveitando o Entroido “imos quitarlle a careta a Rueda e rematar coa precariedade, o maltrato e a marxinación que sofre este territorio”.

Nacho Gómez Pérez, número 2 da lista socialista ao Parlamento de Galicia pola provincia, apuntou a que Galicia e Ourense “precisan un cambio de goberno na Xunta, para rematar cun PP anllado nunha situación de confrontación continua co Goberno central, en vez de ir da man para favorecer aos colectivos máis vulnerables, a clase media, aos maiores e a mocidade”. O candidato socialista manifestou que “temos moitas ganas e ilusión e creemos que o cambio ten que producirse da man de José Ramón Gómez Besteiro, porque temos proxecto, apostamos polas políticas a favor da cidadanía e temos experiencia gobernando a gran maioría de galegos e galegas, dende os concellos”.

“Temos grandes carencias en materia de vivenda pública, unha sanidade pública totalmente destruída polo PP, graves problemas en infraestruturas, un transporte metropolitano e coas vilas totalmente desfeito”, explicou Gómez Pérez, en relación ao 14 anos de “desgoberno” do PP dende a Xunta de Galicia. O candidato sinalou por último que fronte a esta situación, está un PSdeG que da man de Besteiro “daralle un pulo ao interior de Galicia, especialmente a Ourense”, xa que tal e como afirmou “se Galicia precisa dun impulso, en Ourense precisamos dun impulso, de cabezas tractoras e de políticas que nos leven a saír da grave problemática que padecemos”.

Por último, o número 4 da candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense, Eladio Santos Martínez, puxo o foco en que as políticas socialistas “apostan por medidas que dinamizan a economía, protexen as familias e aos máis vulnerables, melloran o benestar e permiten a igualdade e o progreso da cidadanía, e iso é o que queremos para a provincia de Ourense”. O candidato aproveitou a súa intervención para acusar ao PP de “traer pobreza e propaganda”, xa que segundo afirmou con Rueda na Xunta de Galicia “teremos 4 anos máis de parálise e abandono sistemático dos servizos, reducindo a calidade de vida da veciñanza”.

Santos Martínez destacou tamén que con Besteiro ao fronte da Xunta de Galicia “mudaremos a estrutura do goberno autonómico e corrixiremos as desigualdades, centrándonos nos cidadáns para solucionarlle os seus problemas”. Por último destacou que no PSdeG “temos unha filosofía de traballo para resolver os problemas, temos a determinación, a experiencia, a capacidade e un gran candidato para darlle a volta a situación en Galicia, en Ourense e en Valdeorras”.