A 29ª edición da MITEU volverá a converter a Ourense na capital mundial das artes escénicas

O Teatro Principal da Deputación acolleu hoxe a presentación da 29ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU), un evento senlleiro das artes escénicas ourensás que se desenvolverá entre o 11 de abril e o 9 de maio en diferentes puntos da cidade. 

O vicepresidente segundo da Deputación e deputado de Cultura, César Fernández, participou hoxe na presentación desta nova edición, acompañado polo director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na súa intervención, César Fernández dixo que as institucións “temos que ter claro que a cooperación ten un efecto multiplicador e se ademais se produce no ámbito da cultura ese efecto multiplicador duplícase”. Afirmando que a cultura “ten a capacidade de chegar a toda a sociedade e as administracións debemos comprometernos a defender unha actividade cultural plural e de calidade para unha sociedade que tamén o é e que, polo tanto, tamén demanda esa oferta”.

Así mesmo, felicitou a todas as persoas que “forman parte do universo da MITEU -especialmente ao voluntariado que cre firmemente na Cultura- por ser capaces de sacar adiante unha nova edición desta Mostra que volverá a ser un éxito” e desexoulle “longa vida” a esta Mostra “convertida xa nun evento cultural de referencia para a provincia”

Pola súa parte, Marcos Vázquez dixo que as artes escénicas engloban 3 aspectos fundamentais que se materializan na MITEU e é “a educación e a formación, a animación sociocultural, e un desenvolvemento comunitario global”.

Programa da 29 MITEU

O director da MITEU,  Fernando Dacosta explicou o programa desta edición que inclúe un amplo abano de actividades culturais con gran variedade de xéneros. Nesta ocasión, haberá 23 espectáculos e estará por primeira vez Mozambique na MITEU, xunto a grupos de Colombia, Portugal e importante representación de España (Castela León, Navarra, Madrid, Estremadura e Galicia (A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo, Pontevedra e Ourense). A provincia ourensá estará representada por cinco grupos de Teatro. 

A música volverá a ter unha forte presenza na programación coa presentación do novo disco de Budiño -presente na presentación- e coas actuacións de Factoría de Subsistencia, The Tetas Van e O Sonoro Maxín.

Os espectáculos teatrais desta edición correrán a cargo de 14 grupos de teatro universitario e de 9 grupos convidados de teatro profesional. Haberá tamén espazo para danza e para un obradoiro de expresión do clown que será impartido por Carlos Sante.

O premio da 29 MITEU, que se entregará na clausura o 9 de maio, será o Cine Clube Padre Feijoo polo seu “labor fundamental a prol da cultura desta cidade”, sinalou Fernando Dacosta.

Cabe destacar que ao longo dos 29 anos de vida da MITEU, pasaron pola mostra “49 países, é dicir, un cuarto dos países de todo o mundo. Ogallá que este soño poida continuar”, asegurou o director da MITEU.

Para máis información: www.miteu.es