Deputados socialistas na institución provincial acudiron a Vilardevós, unha das zonas máis afectadas, para coñecer de primeira man a situación e preocupacións dos profesionais do sector
Álvaro Vila compromete o apoio socialista porque “as competencias e a capacidade económica son da Xunta, pero a Deputación ten que arrimar o ombreiro, non pudendo permitirse mirar cara outro lado”
Vilardevós, 3 de setembro de 2024. Deputados do grupo provincial socialista na Deputación de Ourense acudiron a Vilardevós para coñecer de primeira man a situación e preocupacións dos gandeiros desta área do oriental ourensán, que é unha das máis afectadas pola Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE).
Acompañados pola alcaldesa de Vilardevós, Eva Pérez, o voceiro socialista na Deputación, Álvaro Vila, e os deputados Elvira Lama, Marina Vaz e Emilio Díaz, visitaron varias explotacións bovinas, tanto de extensivo coma de intensivo, dando boa conta dos estragos provocados polo andazo e atendendo ás testemuñas dos afectados, laiándose estes nomeadamente da “imprevisión” e “escasas axudas” da Xunta de Galicia.
En todo momento a carón dos gandeiros do seu municipio, Eva Pérez instou en que “Medio Rural debe tomar as medidas axeitadas para ver de minorar os danos e perdas económicas para os gandeiros”. A alcaldesa de Vilardevós non fixo unicamente alusión ao “limitado das indemnizacións” por perdas de cabeza de gando, senón tamén aos “altos custos veterinarios”, destacando de paso a falta de profesionais cualificados dispoñibles na provincia de Ourense.
“É importante administrarlle antibióticos ou antiinflamatorios ao tempo que se axiliza a campaña de vacinación do gando”, apuntan os gandeiros. A subministración de medicinas e vacinas, as labores de desinfección, a morte de animais adultos ou os abortos son tan só algúns dos gastos aos que están tendo que facer fronte os gandeiros. Os profesionais destacaron a “falta de información” e “exceso de burocracia” para solicitar axudas por medicamentos, reses mortas e outras perdas derivadas.
A prol da implicación da Deputación de Ourense
“Na provincia de Ourense as explotacións non teñen soamente unha función económica, senón que tamén son importantes desde o punto de vista social e medioambiental, erixíndose coma un sostén fundamental do noso rural”, afirmou Álvaro Vila, comprometendo a acción do grupo socialista para ver de acadar unha maior implicación da Deputación de Ourense cos gandeiros.
“Na liña destes últimos meses, nos que presentamos iniciativas para chamar a atención do goberno do PP na provincia sobre a situación do sector da castaña, afectado por diversas patoloxías, e os estragos provocados pola tuberculose bovina; seguiremos a loitar polo futuro de Ourense e para que ninguén quede atrás”, concluíu Vila. Segundo Vila, “as competencias e a capacidade económica son da Xunta, pero a Deputación tamén ten que arrimar o ombreiro, non pudendo permitirse mirar cara outro lado”.
Até o de agora téñense detectado focos agravados de EHE na Mezquita, A Gudiña, Viana, Castro Caldelas e en todo o Macizo Central, amais de en Maceda e A Limia, sendo a provincia de Ourense unha das zonas do Estado onde o impacto do andazo está a ser maior. Segundo os expertos, a EHE afecta especialmente a Ourense polo calor, que favorece a aparición de vectores de contaxio. Os profesionais lembran que o andazo “non ten influencia sobre o produto, non véndose afectada a carne nin transmitíndose ás persoas”.