A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, desprazouse hoxe ata O Carballiño para visitar as persoas que participan no campamento que se está a desenvolver na Residencia de Tempo Libre e, a continuación, coñecer as novas instalacións do fogar da asociación Aspadisi. A representante da Xunta foi recibida por Manuel Amil, directivo de Aspadisi, e estivo acompañada polo xefe territorial de Política Social e polo parlamentario autonómico Argimiro Marnotes.
A nova residencia deste centro ocupacional, posta en marcha no pasado mes de marzo, dá cobertura a 25 persoas das comarcas do Carballiño e O Ribeiro, e dispón de 32 prazas en 16 habitacións dobres e 8 individuais, das cales 15 dispoñen dun concerto económico coa xunta. Na actualidade están cubertas 12 das 32 prazas de aloxamento totais, das cales nove son públicas e tres privadas.
Manuel Amil agradeceu a implicación da Xunta na dotación destas novas instalacións.
A directora xeral, Begoña Abeijón, destacou o apoio do seu departamento a este proxecto.
O investimento total na ampliación e acondicionamento do inmoble de Aspadisi para residencia foi de 1.472.000 euros, dos que 1.136.462 foron destinados á construción iniciada en 2021 e 335.618 ao equipamento. A Xunta aportou 654.735 euros tras optar o proxecto a unha liña de axudas compietndo con máis de 50 asociacións; a Deputación concedeu unhasubvención de 300.000 e o Concello de Carballiño, 50.000 euros, aínda que tamén se recolleron donacións de veciños e empresas, que sumaron 467.344 euros.