As e os socialistas piden que se saque a contratación, “recollendo de forma nítida as obrigas das partes e contemplando os prezos e o número de horas en función das persoas atendidas e de posibles incorporacións”
Germán García-Ávila afirma que “non comprendemos como se pode cometer tamaña falta de dilixencia na xestión dun asunto de vital importancia para un dos capítulos máis relevantes nos servizos que presta o concello, tanto no económico como na prestación do servizo”
Viana do Bolo, 17 de setembro de 2024. O PSdeG-PSOE de de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o seu debate na sesión plenaria do xoves 19 na que insta o concello á elaboración “urxente” dun prego de condicións para o contrato do servizo de axuda a domicilio aos maiores que se atopa en precario dende fai máis dous anos. As e os socialistas piden que se saque a contratación, “recollendo de forma nítida as obrigas das partes e contemplando os prezos e o número de horas en función das persoas atendidas e de posibles incorporacións”.
Dende o grupo municipal socialista apuntan tamén a que o prazo de vixencia do contrato “non debe ser superior a un ou dous anos”, co obxectivo de que “poida ser actualizado, tanto en prezos coma nas horas de atención”. As e os socialistas piden que se inste á Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense a que “actualicen o prezo e número de horas de atención a efectos dos ingresos que fan ao concello para pagar dito servizo e se teña en conta o encarecemento que se poida dar na contratación”.
Na actualidade dito servizo está adxudicado por concurso público a empresa Alpixendra, pero tal e como explican dende o PSOE vianés “atópase en precario dende fai máis de dous anos, é dicir, está vencido e polo tanto, sen efectos legais que obrigue ás partes e cunha empresa quen calquera intre pode abandonar o servizo ou reclamar os incrementos do prezo/hora que considere convinte”.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias, insta tamén a que se faga saber que o servizo de atención aos maiores no fogar “é un acordo que supera ás administracións locais e prestalo supón un custe inasumible para o concello, polo que deberían cubrir na súa totalidade as administracións autonómica e provincial”. O edil socialista considera ademais que a axuda no fogar “constitúe un dos servizos máis importantes que prestan os organismos públicos, recaendo nos concellos a prestación do mesmo”.
“Non comprendemos como se pode cometer tamaña falta de dilixencia na xestión dun asunto de vital importancia para un dos capítulos máis relevantes nos servizos que presta o concello, tanto no aspecto económico como na prestación dunha axuda indispensable para o benestar e supervivencia dos nosos maiores”, afirma García-Ávila Arias. O voceiro socialista tamén pon o foco en que Alpixendra “comeza a anunciar un elevado incremento do prezo que vén aplican á hora de atender aos maiores, sen que a achega que a Xunta de Galicia aporta vaia aumentar”.
Tal e como apuntan dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo o custe “pode pasar dos 14 euros/hora a 20, ou incluso máis, namentres que a achega que fai a Xunta para pagar o servizo vén sendo de 12 euros/hora, polo que o concello podería ter que pasar de presupostar 2 euros/hora a 8, se a Xunta non actualiza a súa aportación”. Tamén subliñan que se se produce un aumento das horas na prestación de atención aos maiores “non é moi difícil adiviñar que se presenta un problema de primeira hora para o concello”.
Dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo tamén poñen o foco nas queixas dos traballadores e traballadoras de Alpixendra, xa que tal e como apuntan “láianse de que a empresa retrasa o pago das nóminas de forma reiterada”. Neste senso, Germán García-Ávila explica que estes salarios “son en moitos casos a única fonte de ingresos e noutros imprescindibles para atender as necesidades vitais dos traballadores” e afirma que “cando os traballadores reclaman que a empresa lles abone as nóminas en tempo e forma, Alpixendra deriva a responsabilidade cara o concello, argumentando que ten pendentes aboarlle a factura de varios meses”. Unha situación pola que as e os socialistas tamén preguntarán no pleno.