Esixirán que o CAPD (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade) sexa público e de xestión directa, tal e como acontece no resto de cidades e provincias galegas
“Son escasas as axudas para o acceso a vivenda e seguimos a esixir unha aposta clara coa reactivación do casco histórico da cidade, que nunca chega, e un plan de alugueiro para a xuventude”, lamentou a voceira no Concello do PSdeG, Natalia González
Ourense, 24 de outubro de 2024. A deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta e a secretaria xeral do PSdeG de Ourense, Natalia González Benéitez, cualificaron os presupostos da Xunta de Galicia para o ano 2025 como “decepcionantes” e “insuficientes” para a terceira urbe da Comunidade Autónoma. E entenden como urxente e imprescindible que os orzamentos inclúan compromisos económicos para novas dotacións sanitarias e deportivas, así como para o transporte metropolitano, a vivenda, o termalismo ou a mocidade.
Así as cousas, e en canto ás emendas que se presentarán para o proxectado polo goberno autonómico, a secretaria xeral do partido na cidade e portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, sinalou que o termalismo debería ser unha prioridade e que demandarán responsabilidade neste eido ao PP. “O apoio do executivo de Rueda para o desenvolvemento dun novo plan estratéxico termal é de, a priori, 0 euros cando precisamos de novas infraestruturas e un plan turístico axeitado”, sinalou.
Afondaron tamén, ámbalas dúas, na ausencia de proxectos estratéxicos que xeren emprego de calidade e exerzan de polo de atracción para a xente nova que queira establecerse en Ourense. “Son escasas as axudas para o acceso a vivenda e seguimos a esixir unha aposta clara e un compromiso coa reactivación do casco histórico da cidade, que nunca chega, e que debe levar aparellado un plan de alugueiro para a xuventude”, lamentou a voceira na Administración local.
Tampouco semella, para as socialistas, importar ao executivo autonómico que a xente moza da cidade poida desfrutar de instalacións de referencia cun Espazo Xove (antiga Casa da Xuventude) que “non atopa respaldo nin a máis mínima atención nestes presupostos”, tal e como advertiu a deputada no Hórreo.
“Pediremos consignacións orzamentarias para resucitar un dos seus escasos lugares de encontro, formación e información”, incidiu. “Estes presupostos non atenden ás necesidades reais da veciñanza e non aportan solucións aos problemas e retos actuais”, criticou.
No eido sanitario as prioridades da cidadanía e as promesas sen cumprir por parte do PP tornaron xa en históricas. Os novos centros de saúde para destensionar áreas con alta demanda e dotar aos barrios de O Vinteún e Mariñamansa de infraestruturas propias seguen sen ser unha realidade.
Nin rastro do proxecto de transporte metropolitano que leva anos demandándose e sendo máis necesario ca nunca e a pesar dos pasos dados, recentemente, tanto pola Deputación como polos concellos limítrofes para que poida saír adiante dunha vez por todas. “Reiteraremos a necesidade de que a Xunta tome partido por fin despois de ser os gobernantes do PP os máximos responsables de que a día de hoxe sigamos neste limbo en canto ao transporte de viaxeiros”, expuxo a deputada.
En canto a infraestruturas deportivas, destacaron as socialistas que insistirán, unha vez máis, para que se constrúa un novo pavillón de ximnasia en Ourense e na segunda fase da remodelación do Estadio do Couto, “dous proxectos que tamén deixan fóra para o próximo ano 2025”.
No que se refire ao CAPD (Centro de Atención a Persoas con Discapacidade) expuxeron que esixiran que, unha vez se poña en funcionamento, a súa xestión sexa pública e directa, do mesmo xeito que acontece noutras urbes e provincias galegas.
“Agradecemos, iso si, ao goberno da Xunta de Galicia a inclusión da partida demandada, tanto polo grupo municipal socialista como polo grupo parlamentario do PSdeG, para a continuidade das obras da Praza de Abastos núm. 1 de Ourense e que levará aparellado un plan funcional tal e como solicitamos dende un principio. Agradecemos a súa rectificación despois de que fai case 4 meses rexeitaran comprometerse e votaran en contra no Parlamento”, rematou Natalia González.