O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción na que alerta da precaria situación dos servizos sanitarios públicos no Carballiño e, en consecuencia, consideran necesaria a convocatoria do Consello Municipal de Saúde a fin de establecer un debate sobre esta cuestión e buscar solucións. Dende esta formación política apuntan que deste órgano municipal “forman parte profesionais sanitarios, colectivos veciñais e outras asociacións, e cremos que a súa reactivación pode supor un necesario novo enfoque para toda a problemática sanitaria que ameaza con deixar ó Carballiño nunha terrible posición“. As concelleiras e concelleiros de Espazo Común lembran que “as familias deste pobo teñen que ver como para o coidado da saúde dos seus fillos teñen que xogar á lotaría dos cupos, e dependendo de en cal dos dous existentes lles toque, os tempos para pedir cita varían ata nunha semana“, e ese malestar fíxose patente nas protestas na rúa promovidas pola Plataforma para a defensa da sandidade pública do Carballiño.
Engaden que “a solución do goberno de Fumega e os seus socios do PP foi a de propor a construción dun novo edficio, enterrandoo no solar da actual Estación de Autobuses nunha rúa xa saturada e con moitas dificultades para ofrecer un bó acceso aos moitos usuarios dun servizo destas características“, unha decisión que vai penalizar ó Carballiño durante décadas coa excusa da urxencia, a présa por poñer a dispor da Xunta un espazo, indican dende Espazo Común. Por estes motivos, propoñen ao pleno da Corporación que inste ao equipo de goberno do Concello do Carballiño a convocatoria do Consello Municipal de Saúde, “ante a incapacidade do goberno municipal para ofrecer solucións a curto e a longo prazo para algo tan básico como a nosa cobertura sanitaria“.