A plataforma ProCAPD convoca unha concentración diante do edificio da Xunta (Casa de Chocolate) este xoves 9 de xaneiro ás 20:00 horas
Ourense, 8 de xaneiro de 2025.
A CIG-Ourense fai un chamamento a participar na mobilización convocada pola plataforma ProCAPD este xoves día 9 diante do edificio da Xunta (Casa de Chocolate) ás 20:00 horas para reclamar a xestión pública directa do centro de atención a persoas con discapacidade habilitado pola Consellaría de Política Social no barrio de Barrocás.
O colectivo promove a protesta para denunciar as “promesas incumpridas” por parte do departamento autonómico a respecto dun centro cuxa posta en marcha está prevista para o primeiro trimestre de 2025. Xa que a propia Xunta anunciou o pasado 28 de decembro a súa intención de externalizar a xestión para que unha entidade “sen ánimo de lucro” se faga cargo da atención ás persoas usuarias.
Dende a plataforma demandan unha xestión “100% pública” porque, tal e como sinala o lema da convocatoria, ‘Os nosos fillos non son un negocio’. Polo que agardan unha resposta masiva da veciñanza de Ourense para que se manteña a xestión pública deste centro “como no resto de provincias”.