O grupo Dar Trela Teatro do Carballiño representará o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, no Teatro Principal de Ourense, a súa última montaxe, “Cabaret enxebre”. Este recinto cultural da cidade das Burgas acollerá, a partir das 8 da tarde, unha obra de creación propia desta compañía afecionada, na que os actores e as actrices recrearán episodios de actualidade con grandes doses de creatividade, humor e inxenio.
O prezo da entrada é de 5 euros, e poderase reservar nos teléfonos 600.829.089, 645.167.278 e 697.765.271, advertíndose dende Dar Trela que é un espectáculo non recomendado para menores de 13 anos.
Esta agrupación artística estreou “Cabaret enxebre” en novembro de 2023 e, neste espectáculo, os 12 integrantes do colectivo mesturan, ao longo de 80 minutos, comedia, crítica social, música, baile e sensibilidade, nun exercicio teatral dinámico e comprometido baixo a dirección de Fernando González.