O BNG lamenta a parálise dos traballos da Comisión do PEP-OU e cuestiona o cambio de técnicos levado a cabo na mesma

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Nos últimos días, o Goberno Local advertiu ao resto de Grupos municipais da necesidade de que nomearan novamente representante na Comisión de seguimento do PEP-OU ao tempo que comunicou a substitución de todas e todos os técnicos que formaban parte da mesma até o de agora, curiosamente aqueles que integraban a desmantelada Oficina do PERI

Ourense, 24 de marzo de 2025. O pasado venres, o Goberno Local do Concello de Ourense remitía unha comunicación aos Grupos municipais para que nomeasen novamente representante no seo da Comisión de seguimento do PEP-OU. O argumento esgrimido baséase no feito de que nos últimos tempos, constatouse que algún dos representantes políticos xa non forma parte da Corporación.

O domingo día 17 no San Amaro: I Mercadillo de Primavera ----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Este simple movemento podería pasar desapercibido se non fose porque no mesmo escrito, dase conta da substitución de todas e todos os membros da Comisión, incluíndo o Presidente, o secretario e as e os técnicos que a integran.

Para o Portavoz do BNG no Concello Luís Seara, “resulta chamativo que as e os técnicos encargados ao longo de todo este tempo de elaborar o PEP-OU, de facer o seguimento e de coñecer á perfección o mesmo, agora sexan substituídos” e engade, “curiosamente son as e os técnicos que formaban parte da desmantelada Oficina do PERI, cuestión que para nós é tremendamente relevante e reveladora”.

Seara sinala que “outro dos argumentos esgrimidos para levar a cabo os cambios tampouco se sostén xa que o Goberno local argumenta a necesidade de axilizar os traballos da Comisión, cando esta leva sen convocarse desde xaneiro de 2022, pese as reiteradas peticións de convocatoria feitas polo BNG e polo resto de Grupos da Oposición”.

Desde a formación nacionalista lembran que a desidia do Goberno Jácome co PEP-OU “xa nos custou perder até en dúas ocasións as axudas destinadas á elaboración da cartografía, documento imprescindíbel para continuar cos traballos e que o actual Goberno adiou constantemente sen xustificación algunha”.

Luís Seara agarda en todo caso que, “coa reestruturación levada a cabo, a Comisión retome a súa actividade, sexa convocada á maior brevidade posíbel e poidamos seguir avanzando nun documento que é fundamental para o desenvolvemento da zona histórica da cidade, unha zona que pide a berros actuacións concretas que eviten a súa xa alarmante degradación”.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------