Espazo Común reivindica que a apertura da Residencia de Tempo Libre sexa estable ao longo do ano

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O grupo municipal de Espazo Común vén de presentar unha moción na que solicita da Corporación do Carballiño un acordo plenario para que se abra a Residencia do Tempo Libre canto antes e sen interrupcións ata final de ano. Asemade, piden que o Concello comece a cumprir coas obrigas adquiridas na sinatura do convenio para a súa promoción e procura de usuarios, e que se demande da Xunta de Galicia o cumprimento do acordo polo cal este centro de lecer permaneza aberto un mínimo de 10 meses no ano cun calendario fixo.

Dende esta formación política lembran que a Residencia do Tempo Libre do Carballiño „é para a nosa vila, un referente histórico. Perante décadas, a afluencia de visitantes de tódolos puntos de España converteuna nun importante motor económico e en polo de atracción para xente que remataba por volver en anos sucesivos“. Tamén subliñana que “hai agora arredor de 10 anos, emprendérase unha recollida de sinaturas para esixirlle á Xunta de Galicia a súa apertura máis meses no ano e que desbotara a súa intención de privatizala. A resposta da veciñanza do Carballiño foi inequívoca cunha adhesión masiva á campaña para este fin“.

Dende Espazo Común alertan que, “hoxe, corremos o risco de perder todo o gañado naquela loita social e que a Residencia volte a caer no esquecemento por parte do ente autonómico“, e apuntan que “o Concello do Carballiño conta agora cunha ferramenta da que antes carecía, xa que no ano 2016 foi asinado un convenio coa Consellería de Política Social que lle permite traballar na promoción das instalacións e colaborar coa Xunta para garantir a demanda de usuarios suficiente para mantela aberta o máximo tempo posible cada ano“.

E indican que „durante uns anos, este acordo foise cumplindo sen problemas e a Residencia permaneceu aberta o tempo acordado. Sen embargo, este ano 2025 semella que voltamos ás andadas e a estas alturas de marzo segue pechada salvo por aperturas puntuais nas fins de semana“.