Con motivo do Día da Nai, o Centro Comercial Aberto de Carballiño (CCA) lanza a campaña “Unha nai, unha flor”, unha iniciativa pensada para poñer en valor o papel das nais e, ao mesmo tempo, fomentar as compras no comercio de proximidade. Durante toda a campaña, as persoas que realicen compras nos establecementos asociados recibirán unha papeleta de participación para o sorteo dun tratamento de beleza. Ademais, tamén poderán optar a unha sesión de balneario, rexistrando o seu ticket de compra a través do QR habilitado ou directamente na páxina web www.comerciocarballino.com.
Como acción destacada, o venres, día 2, e o sábado, 3 de maio, instalarase unha caseta do CCA na Praza Maior do Carballiño, onde se regalará unha flor a todas as persoas que se acheguen a depositar a súa papeleta de participación. Os horarios de apertura desta caseta serán, o venres, de 11,00 a 13,30 e de 18,00 a 20,00 horas, e, o sábado de 11,00 a 13,30 horas. Ademais, quen o prefira tamén poderán deixar a súa papeleta directamente no establecemento onde realizaron a compra.
O presidente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga, anima á cidadanía para participar nesta campaña, ao subliñar que “o Día da Nai é unha ocasión moi especial, e desde o CCA queremos convidar a todos os veciños e veciñas a facer as súas compras no comercio local. Porque agasallar con corazón tamén é apoiar ás tendas que dan vida ás nosas rúas”. Pola súa banda, a xerente do CCA, Noelia Mares, salienta o valor deste tipo de iniciativas: “Campañas como esta son fundamentais para incentivar o consumo local, xerar movemento nos establecementos e premiar a fidelidade dos nosos clientes. Queremos que a experiencia de compra sexa tamén unha forma de celebración”.
Esta campaña está pensada “para dinamizar o comercio de Carballiño nunha data clave, xerando proximidade, emoción e beneficios tanto para os comercios como para os seus clientes”, e conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, no marco do Plan Estratéxico de impulso ao comercio de proximidade, que ten como obxectivo dinamizar e incentivar a actividade comercial nos núcleos urbanos galegos.