Na sede popular, coa presenza do presidente do PPdeOU, Luis Menor, e a secretaria xeral, Sandra Quintas
- A presidenta da xestora, que asume esta etapa “cunha gran esixencia persoal e moita responsabilidade”, advirte que quedan dous anos por diante “para demostrar que o PP é o partido da maioría, que escoita á súa xente e procura solucións”
- O presidente provincial asegurou que “o Partido Popular ten que ser a alternativa que esta cidade merece”. Con esta xestora, dixo, séntanse as bases para afrontar as eleccións municipais de 2027, “garantindo que estamos en condicións de deseñar un proxecto de futuro, cun amplo equipo e cunha persoa de referencia do PP para a sociedade ourensá”
3, xuño, 2025. A xestora local do Partido Popular na cidade de Ourense celebrou esta tarde a súa primeira reunión con Ana Méndez como nova presidenta, convocatoria na que deu a coñecer as persoas que formarán parte deste órgano.
Coa presenza do presidente provincial do PP, Luis Menor, e a secretaria xeral, Sandra Quintas, a presidenta da xestora local agradeceu a confianza depositada na súa persoa para dirixir esta etapa no partido local: “É un posto que asumo con responsabilidade, orgullo, compromiso, ilusión e, como non podía ser doutro xeito, cunha gran esixencia persoal”.
Na reunión adiantou que o seu principal obxectivo é “traballar con moita dedicación para que o Partido Popular da cidade acade o liderado que sempre tivo e para mellorar a vida da cidadanía”. Ademais puxo o foco xa nas vindeiras eleccións municipais de 2027: “Quedan dous anos por diante para demostrar que o PP é o partido da maioría, o partido das solucións, o que pisa a rúa e escoita á súa xente”. Ana Méndez advertiu que non hai tempo que perder, destacando que “temos equipo, temos capacidade, e sobre todo, temos ganas”.
Pola súa banda, o presidente provincial foi rotundo na súa intervención: “O Partido Popular ten que ser a alternativa que esta cidade merece”. Así, afirmou que os nomes da nova xestora son “ben coñecidos por todos nós, e tamén pola cidadanía”, persoas con ampla experiencia política “e outras que dan un paso á fronte na vida política local”.
Luis Menor asegurou que con esta xestora os populares ourensáns están sentado as bases para afrontar as eleccións municipais de 2027, “garantindo que estamos en condicións de deseñar un proxecto de futuro, cun amplo equipo e cunha persoa de referencia do PP para a sociedade ourensá”, dixo de Ana Méndez.
Integrantes da xestora do PP na cidade
A xestora local está integrada a partir de agora por 40 membros, anunciándose na reunión a incorporación dos novos integrantes deste órgano: Alberto Cacharrón, Antonio Rodríguez Miranda, Gabriel Alén, Enrique Álvarez, Ana Belén Vázquez Blanco, Santiago Camba, Cristina Romero, Jose Antonio Armada, Celso Delgado e Miguel Ángel Viso. También estarán representados mozos de Novas Xeracións: Elena Corral e Martín Gil.
Como secretaria da xestora Local continuará Marisol Díaz e seguirán como membros natos os concelleiros do grupo municipal: Jorge Pumar, Noelia Pérez, Pepe Araújo, Inma Moreiras, Sonia Ogando e Javier Rodríguez-Nóvoa.
Este órgano, así como o grupo municipal, manteñen o seu firme compromiso de traballar pola cidade de Ourense, e seguir incorporando ás súas filas persoas que desexen achegar novas ideas e proxectos de futuro para a capital.