Luis Menor avanza un “intenso segundo semestre” para rematar o ano con preto da metade das agrupacións locais do PP de Ourense en proceso de actualización e renovación

·        O máximo órgano entre congresos aprobou hoxe a creación de dúas novas xestoras, Taboadela e Amoeiro, que se suman ás outras cinco xa en marcha 

·        O presidente provincial anunciou que en setembro convocaranse cinco novos congresos locais, que se sumarán aos 17 celebrados desde febreiro

22, xullo, 2025. O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, avanzou hoxe un “intenso segundo semestre” de traballo para continuar co proceso de actualización e renovación das agrupacións locais populares en toda a provincia. Unha planificación, dixo na reunión da Xunta Directiva Provincial, que ten como obxectivo “conseguir cara o remate do ano que haxa preto da metade das 92 agrupacións locais da provincia en fase de renovación ou xa renovadas”.

Neste contexto, os membros do máximo órgano entre congresos deron o seu visto bo á creación de dúas novas xestoras: as agrupacións de Taboadela e Amoeiro. Con este paso son xa sete as xestoras que estarán en marcha na provincia, contando coas de Allariz, Barbadás, Carballiño, Ourense  e Xinzo de Limia.

Estes órganos de transición, que permiten garantir a actividade da agrupación ata a celebración dun congreso, tamén forman parte do proceso de actualización e renovación dos partidos a nivel local. Lembrou Luis Menor que xa son 17 os congresos celebrados desde o mes de febreiro -o último a principios de mes en Cualedro-, anunciando que en setembro procederase á convocatoria doutros cinco congreso máis.

Na súa intervención ante a Xunta Directiva, o presidente provincial fixo un detallado repaso á actividade desenvolvida polo Partido Popular desde principios de ano, con referencias aos doce meses agora cumpridos á fronte da dirección do PP de Ourense. Neste sentido incidiu na importancia do proceso de consolidación do partido na provincia, subliñando que se trata de “permanecer activos ante calquera convocatoria electoral”.

OBXECTIVOS AMBICIOSOS EN OURENSE, GALICIA E ESPAÑA

Luis Menor advertiu que os populares ourensáns deben estar preparados para alcanzar os obxectivos que “só unha formación como a nosa é quen de marcar”. Así, sinalou que compre loitar por “gobernar máis concellos na provincia, ser decisivos no Concello de Ourense e recuperar a maioría absoluta na Deputación”.

Todo isto referido á provincia de Ourense, porque o presidente provincial ampliou os deberes para outras convocatorias electorais como “manter a nosa representación no Parlamento de Galicia, contribuír a unha nova maioría de Alfonso Rueda e conseguir a vitoria para un goberno popular no Estado con Alberto Núñez Feijóo”.

Por todas estas razóns, concluíu, “apoiamos con todas as nosas forzas ás agrupacións locais, porque o traballo que se fai no concello máis pequeno é unha gran contribución ao da provincia, Galicia e España”.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------