Seis meses sumando futuro no rural
No marco do Programa de itinerarios integrais contra o despoboamento rural e a inclusión social
31/07/2025
Seis meses de percorrido no ano 2025 permítennos facer unha valoración das accións que estamos a desenvolver no marco do Programa de itinerarios integrais contra o despoboamento rural e a inclusión social no CDR O Viso.
Neste programa traballamos nas seguintes áreas de intervención:
• Área de Inserción Laboral e Emprendemento: facilitamos o acceso e/ou mantemento do emprego mediante accións orientadas ao emprego por conta allea e/ou ao autoemprego, a través de intervencións de orientación laboral e a realización de formación específica que mellore as competencias profesionais das persoas participantes.
• Área de Inserción Social: promovemos accións que melloren a integración social das persoas participantes na súa contorna máis próxima, realizando acompañamentos na procura de recursos, facilitando ferramentas para o autocoidado e estratexias para mellorar as habilidades persoais e de integración na comunidade.
• Área de Garantía Infantil e Xuvenil: atendemos á poboación menor de 29 anos co obxectivo de promover a calidade de vida infantil e xuvenil, a través de actividades de apoio e reforzo educativo que favorezan a integración socioeducativa e comunitaria.
Neste ano 2025, atendemos a 39 persoas que residen en 14 núcleos de poboación da Comarca, e xa podemos adiantar resultados positivos en canto á mellora da situación das persoas atendidas.
Queremos destacar algúns datos no ecuador do ano 2025:
• Persoas atendidas: 39 persoas, dun total de 70, teñen deseñado un itinerario personalizado de atención e apoios para a consecución dos seus obxectivos persoais/profesionais.
• Apoio á Integración Comunitaria: 18 persoas de cinco nacionalidades reciben acompañamento para a realización de xestións e o coñecemento dos recursos dispoñibles na Comarca.
• Formación en liña: 15 persoas realizaron a formación en Limpezas Xerais e Xestión de Almacén.
• Inserción laboral: 15 persoas atoparon un traballo relacionado co seu obxectivo profesional.
• Recursos TIC: 7 persoas beneficiáronse do servizo de préstamo de PC ou tabletas para a realización de tarefas formativas e/ou para a procura activa de emprego.
No CDR O Viso, continuamos traballando por e para a inclusión no medio rural no marco do Programa de itinerarios integrais contra o despoboamento rural e a inclusión social concedidos a COCEDER, enmarcados no Programa Estatal de FSE+ de inclusión social, garantía infantil e loita contra a pobreza (2021ES05SFPR003). Son gratuítos, cofinanciados pola Unión Europea e a Xunta de Galicia a través do Programa Integral de Intervención Comunitaria no medio rural, con cargo á asignación tributaria do 0,7 % do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e do Imposto de Sociedades, xestionado pola Consellería de Política Social e Igualdade.