Sonia Vidal “Non se trata só de apagar incendios, senón de evitar que comecen e se estendan. O que está en xogo non é só o noso patrimonio natural, senón tamén a seguridade e o futuro das nosas vilas e aldeas”
Ourense, 10 de agosto de 20225. A vaga de lumes destes días volve deixar en evidencia a falta dunha política integral de prevención por parte da Xunta. O incendio declarado en Chandreixa de Queixa, que afecta a perto de 800 hectáreas e ameazou o Parque Natural do Invernadoiro, e o lume de Maceda, que levou ao decreto de nivel 2 pola proximidade ao núcleo da Teixeira, con varios focos iniciados sobre as 23:00 horas, ademais doutros lumes destes días como o de Vilariño de Conso, o de Vilamaior do Val en Verín, o de Padrenda, ou o de Vilardevós, amosan que seguimos respondendo sen unha planificación previa que reduza o risco de que estas situacións se repitan.
A deputada do BNG Sonia Vidal sinalou que “non estamos diante dun problema inevitable nin dunha cuestión que só dependa da climatoloxía. A realidade é que a Xunta continúa sen activar unha planificación efectiva que priorice a prevención sobre a extinción, nin unha coordinación real cos concellos e coas persoas que traballan e viven no rural”.
Vidal subliñou que “cada ano repetimos o mesmo guión: reaccionar cando o lume xa está activo, en vez de traballar durante todo o ano para anticiparnos e minimizar o risco. Con medidas axeitadas de xestión do territorio, de diversificación das especies forestais e de mantemento das faixas de protección, poderiamos evitar boa parte destas situacións”.
O BNG propón que o Plan de Prevención de Incendios Forestais da Xunta inclúa actuacións continuas ao longo do ano: limpeza e mantemento de faixas, recuperación de masas autóctonas, apoio á fixación de poboación no rural e creación de redes locais de vixilancia. Tamén reclama a profesionalización e mellora das estruturas de coordinación, especialmente entre administracións e sector primario.
“Non se trata só de apagar incendios, senón de evitar que comecen e se estendan. O que está en xogo non é só o noso patrimonio natural, senón tamén a seguridade e o futuro das nosas vilas e aldeas”, concluíu Sonia Vidal.
Desde o BNG agradecen os traballos do dispositivo despregado ante este desastre, que demostrou unha capacidade profesional, adicación e esforzo humano ante os lumes que está evitando, sen lugar a dúbida, que as perdas sexa maiores. Desde a organización nacionalista brindanlles o seu máis profundo recoñecemento polos seus méritos en condicións tan adversas.