
A pesar da suspensión definitiva das Xornadas de Folclore, a pegada das mesmas aínda se poder ver na mostra itinerante dos 40 carteis creados, durante estas catro décadas, por artistas ourensáns tan recoñecidos como Virxilio, Vidal Souto ou Alexandro e por fotógrafos destacados como Balvís, Doniz Vaquero ou Jorge Martínez.
A Casa do Concello do Carballiño é o espazo expositivo no que se poderán ver os carteis do festival das Xornadas de Folclore, que naceu no ano 1984, dende hoxe até o 1 de setembro, en horario de 9,00 a 14,00 horas e de 18,00 a 20,00 horas.
Esta actividade paralela programada pola organización chega á vila do Arenteiro despois de estar exposta, dende mediados de xullo até o 18 de agosto, no concello de Celanova e ata onte na casa de Cultura de Allariz, por onde pasaron arredor de medio millar de persoas. A exposición continuará o seu percorrido polas vilas de Ribadavia e Xinzo durante o mes de setembro.
Esta tarde, a última na que estarán presentes os preto de 200 participantes das Xornadas, tivo lugar o obradoiro de danza de Arxentina e dos membros de Castro Floxo da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense. Á noite a agrupación folclórica de Xeorxia regresará ao seu país, en autobús propio, e mañá marchará o grupo de Ucraína. O resto deixarán Ourense entre o mércores e o xoves para participar en outros festivais.
As Xornadas están organizadas pola Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e dos diferentes concellos anfitrións.