A Asociación de Comerciantes Carballiño CCA anuncia a implantación de LoPróximo, unha novidosa plataforma de atención dixital colectiva desde a que os comerciantes van poder atender as solicitudes de veciños e veciñas interesados en atopar, de forma rápida e sen esforzo, os mellores produtos e servizos dispoñibles no comercio local do Carballiño. Esta plataforma foi presentado hoxe na Casa do Concello, coa presenza de Gabriel Alén, director Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia; Lorena Castro, concelleira de Educación; Noelia Mares, Xerente do CCA; e Eduardo Rodríguez, socio fundador de LoPróximo.
Con esta nova adhesión, subliñou Gabriel Alén, o comercio de proximidade galego continúa dando pasos na atención ao cliente e ás tendencias de consumo. Isto faino, engadiu, conxugando a dixitalización cos valores tradicionais e beneficios únicos do comercio de proximidade e puxo como exemplo o esforzo do comercio local de Carballiño neste eido. Neste contexto destacou o importante papel que xogan as asociacións de comerciantes para dinamizar e incentivar o consumo de proximidade responsable e de calidade e animou a sumarse á iniciativa a aqueles comercios locais que aínda non o fixesen.
A plataforma LoPróximo é sinxela, intuitiva e accesible en https://loproximo.com a todas as persoas interesadas en atopar as propostas ou asesoramento especializado do comercio local do Carballiño. Basta con describir por escrito o que se está a buscar para recibir as propostas a medida elaboradas polos comerciantes locais. Unha vez seleccionada unha proposta, a persoa cliente poderá acudir directamente ao establecemento para realizar a compra, ou acordar co comerciante calquera outra modalidade de entrega.
Con esta iniciativa, o Centro Comercial Aberto (CCA) do Carballiño consolida a súa aposta pola dinamización da actividade comercial do municipio a través da modernización e a innovación tecnolóxica, mais preservando os valores esenciais e os beneficios únicos que ofrece o pequeno comercio de proximidade, e sitúase á vangarda do comercio de proximidade, sendo pioneiros na implantación dun modelo de servizo de atención dixital que transformará o modo no que as persoas nos relacionaremos no futuro co noso comercio local, e que xa obtivo o recoñecemento como a mellor iniciativa de dinamización comercial dos últimos tres anos en Galicia (Premios do Comercio
Galego 2024, Xunta de Galicia).
Como incentivo para todos aqueles asociados que se adhiran a esta plataforma, o CCA levará a cabo o vindeiro 16 de setembro un sorteo dunha ruta en ecobarco polas terras do Ribeiro.