Un ano máis, e xa son 29, o casco histórico da vila do Arenteiro acollerá do venres 5 ao domingo 7 de setembro a súa tradicional ‘Feira Festa da Pepa Loba’ cun amplo programa de actividades organizado pola asociación Veciños e Amigos de Flores-Tradicións e Buscas, co apoio de Dar Trela Teatro e a A.C. Avantar. Nesta edición, renderase homenaxe ao antigo oficio das queixeiras e queixeiros do Carballiño. A presentación do evento tivo lugar hoxe na Bodega de Flores, coa participación de Ari Quintas, Clara Vázquez, Vítor Tato, Laura Rodríguez e Nani Blanco, representantes dos colectivos da organización.
A feira de exposición e venda de artesanía abrirase nas rúas de Flores ás 18,00 horas do venres, día 5, mentres ás 19,45 celebrarase o acto de homenaxe ás queixeiras, coa presenza de Mari Carmen e César Lage, da parroquia de Partovia e con ancestros neste oficio. A xornada rematará ás 23,00 horas na fonte do barrio coa lectura do manifesto da Pepa Loba a cargo de Alba Grande e unha queimada popular, amenizada con música en directo.
Ás 11,30 horas do sábado, os 18 postos artesans abrirán as súas casetas de exposición e venda, cunha demostración en vivo dos vellos oficios e un obradoiro de gravado na Travesía Mirto, mentres ás 12,00 levarase a cabo unha lectura colectiva de “A mocidade da Pepa Loba”, novela do carballiñés Aurelio Miras Azor. O programa do serán comezará ás 17,00 horas co campionato mixto de brisca, un obradoiro de cestería e xogos populares organizados polo Centro de Cultura Xaquín Lorenzo.
E as 20,00 horas saírá dende a Casa do Concello a sempre espectacular ‘Baixada da Pepa Loba’, a cargo das actrices e actores de Dar Trela, que interpretarán a unhas 15 personaxes da ‘gavilla’ da bandoleira, e que contará con máis colaboracións. Unha escenificación que “hai que seguir de principio a fin, porque todo está que arde”, según apuntou Clara Vázquez. Ao remate, haberá un recital da banda Sacho Dixen.
O grupo Feitizo de Pau será o encargado de protagonizar, ás 12,00 horas, a alborada de apertura da feira, que contará coa demostración en vivo dos oficios de vidreiro, zoqueiro e cesteiro, entre outros, ademais do obradoiro de cerámica que se impartirá durante toda a xornada na Fonte do Concello. Na outra fonte, ubicada ao fondo do barrio, terá lugar ás 11,30, a lectura colectiva da novela “El agüista” de Miras Azor e, unha hora máis tarde, iniciarase na Eira de Flores o campionato de chave infantil e adulto. A Travesía Mirto acollerá dende as 14,00 horas o xantar de confraternidade, no cal se sortearán as pezas de artesanía e farase entrega dos trofeos dos torneos de brisca e chave. A clausura da feira será ás 21,00 horas.