O CEIP Plurilingüe de Ribadavia conta xa co seu ximnasio totalmente renovado

O CEIP Plurilingüe de Ribadavia xa conta co seu ximnasio totalmente reformado. A intervención, promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, supuxo un investimento de 40.983,61 euros e foi executada pola empresa Sport Equipalia S.L.U., nun prazo de apenas un mes.

A actuación incluiu a instalación dun novo pavimento deportivo Pavigrass, a marcaxe de pistas para badminton, minibasket e minibalonmán, a pintura das paredes e a colocación de equipamentos como taboleiros, postes, redes e espalderas. O ximnasio continuará acollendo as clases de educación física do alumnado e o programa “Recreos Activos – Patios Dinámicos”, en colaboración co Servizo Municipal de Deportes.

Ademais, esta instalación servirá de espazo temporal para as actividades físico-deportivas do Servizo Municipal de Deportes de Ribadavia mentres se completan as obras na planta baixa do Pavillón do Consello.

O alcalde, César Fernández, destacou que “a colaboración entre administracións permite avanzar na mellora continua das infraestruturas educativas, garantindo espazos seguros e de calidade para o noso alumnado e a veciñanza”.

Esta reforma súmase ás actuacións anteriores no centro durante a presente lexislatura, consolidando o compromiso do Concello e da Xunta coa modernización e o benestar educativo en Ribadavia.

PUBLICIDADE ---------------------------------------------------------------------------------------------------