A campaña de vacinación da gripe iniciouse hoxe en Galicia ampliando a cobertura en cativos e maiores

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a Residencia para Persoas con Dependencia do Carballiño, coincidindo co inicio da campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2025-2026 que presenta, como principais novidades, a ampliación da cobertura antigripal nos maiores e na infancia e por non habilitar grandes recintos.

O delegado territorial, que estivo acompañado do xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, e o alcalde, Francisco Fumega, e a concelleira de Sanidade, Silvia Baranda, do Carballiño, explicou que a citación desenvolverase por mensaxe SMS ás persoas dende 60 anos e aos nenos dende os seis meses aos 11 anos (agás os que figuren incluídos no programa piloto de vacinación escolar) mentres que o resto de grupos de risco como embarazadas, persoal sanitario ou persoas inmunodeprimidas poderán pedir cita a través da APP Sergas Móbil. A duración desta campaña será ata o 31 de decembro, manténdose a vacinación secuencial de campañas anteriores.

Na provincia de Ourense -salientou Manuel Pardo- a vacinación en todos os centros de saúde e consultorios comezará o 13 de outubro cos nenos de 6 meses a 11 anos e, a partir do día 20 de outubro, coas persoas maiores de 70 anos. O número de doses que está previsto utilizar para poder acadar os obxectivos fixados serían de aproximadamente 102.000 doses de vacina.

Programa  piloto  de vacinación escolar

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Realizarase un programa piloto de vacinación escolar (iniciativa conxunta das consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP) que incluirá a 19.000 nenos de entre 3 e 11 anos de 55 colexios galegos

O obxectivo a acadar é  unha cobertura do 70%  e serán os equipos de enfermería os se  despracen aos colexios participantes para a administración da vacina nas propias instalacións dos centros. Esta loxística é posible porque a vacina utilizada será a que se administra por vía intranasal

Os centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras son os de CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI Plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP Plurilingüe Calvo Sotelo e CPR Plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR Plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP Plurilingüe Irmáns Villar e CPR Plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR Plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).

Previo ao inicio da vacinación en cada un dos centros participantes organizaranse reunións coas familias e co equipo de enfermería para informar, resolver dúbidas e entregar a folla informativa e a autorización para a vacinación.

Protección contra a bronquiolite

En canto a virus estacionais, a Xunta xa iniciou o pasado luns 22 de setembro a inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) a bebés directamente nos hospitais onde nazan a partir desa data e ata o fin da campaña en marzo. Ademais, serán citados os menores de seis meses para recibir a inmunización xa que reduce o número de hospitalizacións dos lactantes. En total, o ano pasado en Galicia administrouse a máis de 12.700 nenos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------