A institución provincial aprobara por unanimidade no pasado pleno de xaneiro levar a cabo este plan de cooperación para a protección da veciñanza fronte aos riscos deste gas na provincia, a de maiores índices de concentración polas súas características xeolóxicas
O Laboratorio da Universidade de Santiago de Compostela enviará aos concellos os aparatos de medición para que analicen as concentracións de gas e adopten as medidas recomendadas en base aos resultados
Os traballos medición iniciaranse en 20 concellos e, posteriormente, no prazo máximo dun mes ampliarase ao resto de entidades locais
Ourense, 6 de outubro de 2025.
A Deputación de Ourense vén de adxudicar ao Laboratorio de Radon de Galicia (LRG) da Universidade de Santiago de Compostela a asistencia técnica do programa de cooperación para realizar as medicións deste gas nos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. O Laboratorio está acreditado pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para medicións de radon e ten unha longa experiencia, sendo recoñecido a nivel nacional e internacional.
Este programa de cooperación, aprobado por unanimidade no pleno de xaneiro deste ano para protexer á veciñanza fronte aos riscos do radon, pretende colaborar cos municipios interesados na medición deste gas no seus respectivos ámbitos territoriais.
A práctica totalidade dos concellos da provincia amosaron o seu interese para participar neste programa de tal modo que, a primeira medición en postos de traballo das dependencias municipais será financiado pola Deputación integramente.
Unha vez que os concellos interesados informaron do número de estancias nas que traballa o persoal en planta baixa e soto, iniciouse o procedemento de contratación adxudicado ao LRG por importe de 14.976 euros, para contactar cos concellos e enviarlles as instrucións e os aparatos de medición que deberán ser colocados durante tres meses.
Unha vez rematado o tempo de medición, os medidores serán devoltos ao Laboratorio para recoller os resultados que serán comunicados aos concellos da provincia para que, en base a eles, poidan adoptar as medidas que recomenden os organismos acreditados, e axudar así a reducir as concentracións deste gas en caso de que existan niveis elevados.
Estes traballos de medición iniciaranse nos 20 concellos que foron os primeiros en aceptar a participación neste programa e, posteriormente, no prazo máximo dun mes ampliarase ao resto de concellos.
Os vinte concellos nos que se inicia este programa son: Arnoia, Beade, Melón, Calvos de Randín, A Rúa, Allariz, Xunqueira de Espadanedo, Celanova, Cartelle, Bande, Sandiás, Maceda, Xunqueira de Ambía, Taboadela, Castro Caldelas, O Bolo, Petín, Piñor, Toén e Cortegada.
Ourense, a provincia galega con maior concentración de gas radon
Con este programa, a Deputación pretende colaborar cos concellos da provincia para protexer á veciñanza fronte aos riscos do gas radon, un elemento radioactivo natural, incoloro e inodoro, que se acumula en espazos pechados e cuxa inhalación prolongada asóciase a un maior risco de cancro de pulmón.
Ourense é a provincia galega cos índices máis elevados de concentración deste gas polas súas características xeolóxicas, é dicir, pola presenza de chans graníticos. Por elo, con este plan preténdese controlar e eliminar este elemento para protexer a saúde da veciñanza fronte aos riscos asociados ás elevadas concentracións deste gas.